ABANCA, Afundación e AGEF colaboran para fortalecer o tecido empresarial familiar galego e fomentar o emprendemento
- ABANCA será a principal patrocinadora das actividades da Asociación Gallega de la Empresa Familiar (AGEF)
- Afundación e AGEF darán continuidade ao programa ‘Empresa Familiar nas aulas’
ABANCA, Afundación e a Asociación Gallega de la Empresa Familiar (AGEF) renovaron hoxe o acordo de colaboración que manteñen co fin de impulsar actividades que contribúan a divulgar a importancia da empresa familiar, así como o papel chave que desempeñan estas organizacións no fortalecemento do noso tecido empresarial e no fomento do espírito emprendedor.
Os convenios foron subscritos polo conselleiro delegado de ABANCA, Francisco Botas; o presidente de Afundación e reitor da UIE, Miguel Ángel Escotet, e o presidente de AGEF, José Bernardo Silveira. Por parte de ABANCA, o acordo ten como obxectivo materializar o apoio do banco a aquelas iniciativas que reforcen a continuidade das empresas familiares, a mellora da súa contorna legal e fiscal e que permitan fomentar o espírito empresarial. Para iso, o banco será o patrocinador principal das actividades que realice AGEF.
Francisco Botas afirmou no momento da sinatura que “coa renovación deste acordo queremos reforzar o apoio e o compromiso de ABANCA co tecido produtivo galego e as empresas de orixe familiar, pola importancia da súa contribución ao progreso económico e social da súa contorna”.
“Quero agradecer a ABANCA e Afundación o apoio á asociación e ás empresas familiares galegas que son, á fin e ao cabo, o tecido empresarial fundamental de Galicia”, sinalou o presidente da Asociación Gallega de la Empresa Familiar, José Bernardo Silveira.
O convenio asinado con Afundación garante a continuidade do programa educativo ‘Empresa familiar nas aulas’. Esta iniciativa, dirixida a estudantes e profesores galegos de 4º de ESO, Bacharelato e FP, contribúe a dar a coñecer entre este colectivo a relevancia da empresa familiar, os valores que caracterizan a estas organizacións, así como a promover vocacións emprendedoras e empresariais entre os estudantes.
O presidente de Afundación e reitor da UIE, Miguel Ángel Escotet, sinalou que “o apoio a este programa enmárcase nas accións que desenvolven o banco e a súa Obra Social no ámbito da educación financeira co fin de que a mocidade teña a oportunidade de aproximarse ao ámbito empresarial, tomar contacto coa súa futura contorna laboral e, á súa vez, mellorar as posibilidades de aprendizaxe sobre a realidade na que operan as empresas”.
O programa ‘Empresa familiar nas aulas’ reforza o compromiso da Asociación Gallega de la Empresa Familiar co impulso do emprendemento en Galicia. A través do coñecemento académico relacionado coa empresa, a iniciativa busca espertar a vocación profesional e abrir horizontes laborais. Desde a súa posta en marcha, participaron 1.863 alumnos de primaria, secundaria e formación profesional de 23 centros educativos galegos.
A Asociación Gallega de la Empresa Familiar está integrada por 60 empresas familiares con sede en Galicia, que achegan 55.000 empregos e facturan conxuntamente máis de 15.000 millóns de euros. As empresas familiares representan o 92,4% do tecido empresarial de Galicia e dan emprego directo a 371.000 persoas.
No marco desta colaboración, AGEF e Afundación convocarán tamén o concurso “Imaxina a túa empresa”, no que equipos de estudantes elaborarán un proxecto de creación dunha empresa, seguindo as bases que se definan para o efecto.