ABANCA amplía a súa oferta comercial para autoconsumo fotovoltaico en alianza con Repsol
- A solución integral de Repsol a través da sociedade Solar 360 para o autoconsumo solar e colectivo mediante a implantación dunha instalación solar está dirixida a particulares, empresas e comunidades de propietarios
- A solución inclúe todas as fases do proceso, a legalización e a posta en marcha da instalación de enerxía renovable

De esquerda a dereita na imaxe, Francisco Montalbán Plaza, director de FFVV B2B e Canle Presencial Multienerxía de Repsol, Víctor Casal Antón, director executivo de Banca Corporativa, Empresas e Pemes de ABANCA, e Román Sánchez Gordón, director de Banca Corporativa e Especializada de ABANCA.
Descarga en alta resolución Serás redirixido a outro sitio web e abrirase nunha nova ventá
ABANCA e Repsol subscribiron un acordo de colaboración que permite á entidade financeira comercializar entre a súa base de clientes instalacións de autoconsumo de enerxía fotovoltaica a través de Solar360, joint-venture da compañía enerxética e Telefónica España.
O acordo foi subscrito por Román Sánchez Gordón, director de Banca Corporativa e Especializada de ABANCA, e Francisco Montalbán Plaza, director de FFVV B2B e Canle Presencial Multienerxía de Repsol. Tamén estivo presente o director executivo de Banca Corporativa, Empresas e Pemes de ABANCA, Víctor Casal Antón.
"Con este acordo reforzamos o noso compromiso coa transición enerxética cara a unha economía baixa en emisións, ampliamos a oferta de servizos e produtos sostibles ao dispor dos nosos clientes, e xeramos novas oportunidades de negocio para a nosa rede de oficinas", explica Román Sánchez Gordón, director de Banca Corporativa e Especializada de ABANCA.
Beneficios para o cliente de ABANCA
Repsol, a través de Solar360, achega unha solución chave en man dirixida a todos os segmentos de clientes do banco, xa sexan familias, comunidades de propietarios ou empresas. Inclúe todas as fases do proceso de implantación da enerxía renovable de orixe solar: asesoramento especializado ao cliente, instalación da tecnoloxía, tramitación administrativa, e posibilidade de que o cliente poida optar á xestión de axudas e deducións.
Entre as características que ofrece Solar360 destacan a posibilidade de reducir a factura da luz grazas a unha solución enerxética innovadora e sostible con produción de enerxía garantida, a monitorización intelixente da instalación, e servizos adicionais como tarifa solar ou batería. Ademais, os clientes de ABANCA que contraten este servizo poden obter beneficios en múltiples servizos a través de Waylet, a aplicación da compañía enerxética.
O acordo con Repsol foi desenvolvido por ABANCA Energy, unidade especializada creada polo banco para impulsar proxectos enerxéticos, de eficiencia enerxética e de electrificación da economía, promovendo con iso o aforro enerxético e a aposta por fontes de enerxía sostible, contribuíndo así á mitigación do cambio climático.