ABANCA amplía a súa participación en Nueva Pescanova ata o 16,04% e convértese no seu segundo máximo accionista
- A entidade financeira pecha unha nova compra do 6,77% das accións da pesqueira, que ata agora estaban en mans de HSBC
- Desde principios deste ano ABANCA triplicou a súa participación na compañía galega
- Desde a súa posición no accionariado de Nueva Pescanova, ABANCA apoia a actual xestión da empresa e respalda o seu crecemento e proxección
ABANCA converteuse no segundo máximo accionista de Nueva Pescanova tras pechar recentemente unha operación a través da cal adquiriu un paquete de títulos equivalente ao 6,77% do seu capital ata agora pertencente á entidade HSBC.
Con esta adquisición, que se suma a outras realizadas nos últimos meses, ABANCA eleva a súa participación en Nueva Pescanova ata o 16,04%. Esta cifra supón triplicar a participación do 5,4% da que ABANCA era titular inicialmente.
A destacada participación de ABANCA no accionariado do grupo pesqueiro supón un decidido respaldo á xestión do grupo e á súa capacidade de creación tanto de valor como de emprego, que está cifrado actualmente en 11.000 persoas, a través da produción e comercialización nos mercados mundiais dunha ampla oferta de produtos de calidade. “A nosa presenza na estrutura accionarial de Nueva Pescanova quere contribuír positivamente ao impulso dos proxectos estratéxicos actuais e futuros da compañía”, sinalou o conselleiro delegado de ABANCA, Francisco Botas.
Entre eles destaca a renovación da súa frota pesqueira, un proceso de gran dimensión industrial ao que ABANCA está a contribuír directamente a través da súa actividade financeira, e que supón ademais a asignación de carga de traballo ao sector da construción naval en Galicia, outro dos sectores industriais clave da comunidade. ABANCA financiará a construción do primeiro buque da nova frota, que será construído integramente en Galicia por Astilleros Armón e a industria auxiliar.
Apoio á economía de Galicia
O incremento da participación de ABANCA en Nueva Pescanova enmárcase na política xeral de apoio de ABANCA á economía e a industria galegas, que está orientado á consolidación e/ou crecemento de empresas e sectores craves. Mediante o seu apoio a Nueva Pescanova, ABANCA contribúe a reforzar o complexo industrial relacionado co mar, no que Galicia é unha das rexións punteiras a nivel global. ABANCA destina a este conxunto de sectores (pesca, conserva e transformación, construción naval, etc.) un investimento crediticio total de 1.270 millóns de euros.