ABANCA amplía as actividades de educación financeira para escolares coa produción teatral ‘Troya’
- O banco e a súa Obra Social apostan de novo polas artes escénicas para transmitir boas prácticas financeiras aos estudantes de menor idade
- As fraudes e os riscos asociados ao uso da tecnoloxía son o eixo central desta montaxe do que van gozar máis de 9.700 nenos e nenas de toda Galicia
ABANCA e a súa Obra Social, Afundación, acaban de reforzar a súa aposta polas artes escénicas para transmitir conceptos financeiros básicos aos escolares de Educación Primaria cunha nova produción teatral titulada ‘Troya’. A obra, dirixida a estudantes de 5º e 6º de Educación Primaria, presentouse este luns en Pontevedra coincidindo coas primeiras funcións previstas en Galicia.
Na cidade do Lérez vanse realizar en total catro representacións ás que asistirán preto de 1.800 escolares acompañados polos seus docentes. Ao longo das próximas semanas a montaxe poráse en escena tamén en Lalín, Viveiro, Ferrol, Lugo, Santiago, A Coruña, Vigo e Ourense. A coordinadora xeral de RSC e Institucional da Obra Social ABANCA, Pilar Alves, destacou na súa intervención “a magnífica acollida que tivo esta proposta nos centros escolares, xa que neste momento están anotados para gozar do espectáculo didáctico 9.710 estudantes de toda Galicia e aínda está aberto o prazo de inscrición nalgunhas localidades”.
‘Troya’ ten como temática central as fraudes tecnolóxicas e busca alertar aos estudantes dos riscos aos que se enfrontan cando utilizan dispositivos móbiles, tabletas ou ordenadores con conexión a Internet, desde a intrusión con software de control remoto ata aplicacións que duplican a tarxeta SIM ou a captación de identidades, pasando por outros perigos como o cobro por incrementar a calidade dos videoxogos gratuítos ou as plataformas de apostas on line. A través da experiencia dos tres protagonistas da historia preténdese concienciar a este colectivo que está tomando contacto coa tecnoloxía do importante que é saber como actuar para protexerse destes enganos virtuais que poden ter un impacto directo na nosa economía.
‘Troya’ é a terceira montaxe teatral que promoven o banco e Afundación no marco do seu programa de educación financeira desde que en 2016 apostaron por este formato novidoso para transmitir boas prácticas financeiras aos escolares de menor idade. Para a produción e posta en escena confiaron de novo na experiencia de Zarándula Comunicación Cultural, empresa que xa se encargou con éxito das dúas primeiras propostas dramáticas que se incorporaron ao programa: ‘De los cuentos a las cuentas’ (2016) e ‘Laberinto’ (2017).
Rubén García, un dos actores protagonistas, explica que “o tema da obra, Internet, está en auxe e a rapazada vese reflectida, sobre todo nas escenas de discusións con pais, amigos… Queremos que se queden coa mensaxe de que Internet pode ser perigosa, sobre todo o xogo en liña”. A súa compañeira no escenario, María Martínez, afirma que “aínda é pronto para ter o feedback dos nenos e nenas a esta obra, pero a experiencia dos últimos anos foi moi positiva”.
O uso das artes escénicas no ámbito da educación financeira é unha iniciativa innovadora de ABANCA que foi recoñecida como o mellor proxecto para a mocidade nos premios á Obra Social e a Educación Financeira 2016 que organiza a revista Actualidad Económica en colaboración coa Confederación Española de Cajas de Ahorro (CECA)
976 actividades de educación financeira para todas as idades
A estrea de ‘Troya’ é unha das principais novidades do programa de educación financeira de ABANCA e Afundación para este curso escolar, que comezou o día 1 de outubro, coincidindo coa celebración do Día da Educación Financeira, e que inclúe en total 976 actividades coas que está previsto chegar a 105.000 persoas.
A outra proposta para o colectivo escolar é o Gran Prix Financeiro, un xogo similar ao da oca que lles permite tomar conciencia aos máis pequenos da importancia de realizar unha xestión correcta das finanzas.
Os estudantes do último ciclo de Primaria, Secundaria, Bacharelato e FP contarán este curso cunha nova edición dos dous programas postos en marcha o ano pasado, Segura-Mente ABANCA e ABANCA Young Business Talents, que recibiron unha excelente acollida tanto por parte do alumnado como por parte do profesorado. Ademais, mantéñense as conferencias ‘Preparados para dar o salto’ e os talleres de medios de pago dirixidos a actualizar os coñecementos de docentes e estudantes de formación profesional.
A poboación de maior idade será outro dos colectivos prioritarios. Para este segmento deseñouse unha programación específica que se realizará, como é habitual, nos once Espazos +60 que ten Afundación nas principais cidades galegas. Nestas aulas organizaranse talleres de cultura financeira xeral e de bolsa, así como outras propostas destinadas a favorecer a dixitalización deste colectivo e que poidan utilizar as novas tecnoloxías, como a banca móbil ou os dispositivos de autoservicio, para realizar as súas xestións financeiras e mellorar o control da súa economía persoal e familiar.
Outra das novidades desta edición o programa son os talleres de saúde financeira ‘Mellora o teu benestar’, dirixidos a colectivos profesionais ou a aqueles que poden ser especialmente vulnerables.
Ademais das iniciativas propias, como é habitual nos últimos anos, ABANCA mantén a colaboración cos proxectos que desenvolven neste ámbito as organizacións sectoriais AEB e Funcas.