ABANCA amplía o seu compromiso co campo leonés ao firmar un convenio con UGAL-UPA
- A entidade financeira e a unión de agricultores chegan a un acordo para ofrecer facilidades de financiamento nas campañas das axudas PAC e da remolacha
- Os asociados poderán acceder ao catálogo de produtos da división ABANCA Agro e da oferta sectorial para o sector primario
ABANCA e a Unión de Gandeiros e Agricultores de León (UGAL-UPA) asinaron hoxe un convenio de colaboración que impulsa o seu traballo conxunto polo sector primario leonés. Un texto que fixa as bases, por un lado, para impulsar a campaña das PAC na recta final e, por outro, para axudar aos remolacheiros da provincia.
A firma tivo lugar esta mañá en León e contou coa presenza do secretario xeral de UGAL-UPA León, Matías Llorente Liébana, e do director territorial de ABANCA en León e Asturias, Marcos Lamas Seoane. Este acordo, impulsado polas dúas entidades, serve para poñer en escena o compromiso pola viabilidade do campo na provincia e coa modernización dos cultivos.
O texto aposta decisivamente por facilitar o acceso ao crédito aos agricultores, incidindo no abono anticipado das axudas PAC e da campaña da remolacha. Os asociados terán a opción de tramitar axilmente o cobro das axudas PAC e anticipar ata o 90% do importe sen comisións ou sen xuros. Os remolacheiros que vendan o seus cultivos á planta de Azucarera de La Bañeza tamén poderán adiantar o cobro da colleita sen custo e dunha maneira sinxela. Precisamente o sector primario é unha das grandes apostas estratéxicas da entidade, que hai menos dun ano puxera en marcha ABANCA Agro, unha división específica para este tipo de clientes con produtos adaptados ás súas necesidades.
Os agricultores asociados a UGAL-UPA poderán acceder a un amplo catálogo de financiamento adaptado ás súas demandas. Para afrontar as necesidades de liquidez terán á súa disposición unha póliza de crédito que pode chegar ata a cinco anos e sen ningún tipo de comisión de formalización. Tamén poderán facer fronte aos gastos derivados da campaña, con un límite de 10.000 euros, grazas a un préstamo con un tipo de xuro cero e unha reducida comisión de apertura.
Para afrontar investimentos como a adquisición de maquinaria ou a compra e amoblamento de fincas de regadío, ABANCA ofrece un préstamo persoal cun prazo de amortización de ata 12 anos. Un produto cunhas condicións moi competitivas e que permite poñer en marcha proxectos con total tranquilidade.
O convenio firmado complétase con condicións melloradas na contratación doutros produtos de activo, dentro da oferta ao sector agrario, que permiten atender calquera necesidade financeira dos asociados. En particular, o banco ofrece unha ampla gama de seguros agrarios para facer fronte a calquera imprevisto, así como unha liña específica para financiar o importe sen xuros. Todo isto, ademais, coas vantaxes do Programa Cero Comisións posto en marcha pola entidade financeira e que permite deixar de pagar polas contas, tarxetas e operacións máis habituais.
ABANCA mantén unha importante presenza en León, onde conta con medio centenar de oficinas e máis de 100 xestores altamente especializados para atender as necesidades dun sector no que xa é un referente pola calidade de servizo e por volume de facturación. UGAL-UPA León, pola súa parte, é unha organización nacida en 1991 que defende os intereses dos traballadores do sector agro-gandeiro da provincia.