ABANCA apoia a nova campaña de verán dos ‘Días Azuis’ do comercio galego
- A nova edición desta iniciativa de dinamización das vendas, organizada por la Federación Galega de Comercio e a Xunta de Galicia, desenvolverase entre o 5 e o 25 de xuño
- A entidade financeira participa coa achega das tarxetas prepago regalo que se sortearán entre os clientes que compren nos establecementos de proximidade
O presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas López, xunto coa directora de Banca de Particulares de ABANCA, Bárbara González Sanromán, presentou esta mañá a edición verán 2023 da campaña ‘Días Azuis do Comercio Galego’.
Trátase dunha nova edición (a número 11) desta coñecida e agardada iniciativa comercial, que ten por obxectivo potenciar, fomentar, estimular e impulsar o comercio de proximidade galego, poñendo en valor o seu importante papel económico e social e contribuíndo á súa dinamización.
Deste xeito, esta campaña “quere contribuír a fomentar as compras nos establecementos físicos, achegando ó consumidor ás nosas rúas e ás nosas tendas”, sinalou Seijas, “co incentivo engadido de poder gañar un dos atractivos premios a sortear nesta iniciativa e poder volver a mercar no comercio local”. Unha campaña que axuda a consumidores e a comerciantes e que dá continuidade ao programa Bonos Activa Comercio, recentemente finalizado.
A edición de verán 2023 de ‘Días Azuis do Comercio Galego’ desenrolarase entre o 5 e o 25 de xuño, coa colaboración dos establecementos de máis de 160 asociacións e entidades da nosa comunidade autónoma. Durante estas datas, os clientes que merquen nos establecementos minoristas poden participar no sorteo de 12.000 euros, repartidos nun total de 64 tarxetas prepago regalo, de 250 e de 150 euros. Participar é tan simple como rexistrar a compra na páxina da campaña www.diasazuis.com.
A directora de Banca de Particulares de ABANCA, Bárbara González Sanromán, amosouse convencida de que esta nova edición dos ‘Días Azuis’ será “un novo revulsivo para dinamizar as vendas no pequeno comercio galego, salientando a “importante contribución” deste sector cara “un modelo económico máis sostible e circular nas nosas vilas e cidades”. Na súa intervención, subliñou o “apoio estratéxico” que a entidade financeira presta a este sector, con produtos e servizos adaptados ás súas necesidades, entre os que salientou as “solucións de financiamento aos clientes e medios de pago no propio establecemento”.
`Días Azuis do comercio galego’ está organizada pola Federación Galega de Comercio e a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Vicepresidencia Primeira da Xunta de Galicia - Consellería de Economía, Industria e Innovación. Conta coa colaboración de ABANCA, entidade que achega os premios; así como das federacións provinciais de comercio, asociacións de comerciantes e centros comerciais abertos de toda Galicia.