ABANCA apoia o novo proxecto corporativo, financeiro e comercial iniciado por Nueva Pescanova
- Como principal accionista, a entidade financeira asegurará o mantemento da súa localización en Galicia e a sostibilidade nas súas actividades
- A estratexia do banco inclúe manter unha participación significativa no accionariado da empresa e buscar un socio industrial a medio prazo
- O impulso de I+D+i, como motor tecnolóxico no sector para conseguir calidade e eficiencia, será unha das claves do novo proxecto

Descarga en alta resolución Serás redirixido a outro sitio web e abrirase nunha nova ventá
ABANCA, como máximo accionista de Nueva Pescanova, considera que as medidas adoptadas hoxe tanto pola Xunta Xeral de Socios como polo Consello de Administración supoñen o inicio dunha nova etapa empresarial da compañía. Para afrontar este reto, ABANCA impulsará o reforzo da estrutura financeira da compañía e dos seus principais ámbitos de actividade corporativa e comercial. O obxectivo final é fortalecer a competitividade da compañía nunha contorna de gran complexidade.
ABANCA devolverá a xestión de Nueva Pescanova a Galicia, e especificamente, a Vigo, para asegurar que as operacións e centros de decisión permanezan na Comunidade. Desde o seu nacemento en 2014, a entidade financeira ten demostrado a súa vocación de apoio ao tecido empresarial galego, e en particular ao complexo industrial relacionado co mar, no que Galicia é unha das comunidades punteiras no mundo. A este efecto, Nueva Pescanova primará a colaboración co tecido produtivo galego na relación cos seus provedores.
A aposta por Galicia debe ser compatible coa visión internacional, imprescindible dada a natureza global da actividade de Nueva Pescanova. ABANCA promoverá a procura dun socio industrial que contribúa a desenvolver o proxecto da compañía a través do aproveitamento do valor engadido que achegue. Máis aló da súa procedencia, o relevante será a súa vocación de permanencia e de manter o centro de operacións en Galicia. Para cumprir estes obxectivos, ABANCA manterá unha participación significativa en Nueva Pescanova.
Modelo corporativo e sostibilidade
Desde a súa posición accionarial en Nueva Pescanova, a entidade financeira promoveu, temporalmente, un consello de cinco membros (reducindo os 12 anteriores) para afianzar as mellores prácticas de gobernanza e favorecer a definición dunha nova cultura corporativa que permita aproveitar ao máximo as capacidades do seu equipo humano.
A decisión permitirá acelerar a toma de decisións corporativas, financeiras e comerciais ante os esixentes retos que afronta a compañía. O cinco conselleiros veñen avalados por unha traxectoria profesional e unha capacidade de xestión contrastados. O seu presidente, José María Benavent, coñece profundamente a empresa e achega unha longa traxectoria no mundo financeiro.
Outro dos eixos da actividade de ABANCA é o compromiso co medio ambiente, a sostibilidade. O banco impulsará a I+D+i como ferramenta para optimizar a calidade dos procesos e a eficiencia no consumo de recursos.