ABANCA aporta 450.000 euros á Fundación Semana Verde para impulsar a súa actividade
- ABANCA márcase como obxectivo reforzar a súa posición de líder no sector primario galego
ABANCA apoiará a Fundación Semana Verde de Galicia con 450.000 euros durante os próximos tres anos co obxectivo de impulsar a súa actividade feiral e contribuír ao desenvolvemento do sector agrario galego.
O aporte económico está estipulado nun acordo de colaboración entre ambas entidades, presentado este mércores 3 en Silleda polo presidente da Fundación Semana Verde e vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e polo vicepresidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet Rodríguez. De acordo cos termos do convenio, ABANCA comprométese a destinar 150.000 euros anuais ata 2017 -con opción a prórroga- para favorecer o impulso e desenvolvemento do recinto Feira Internacional de Galicia, como axente institucional máis importante que opera no sector.
O acordo tamén contempla que ABANCA sexa o patrocinador oficial exclusivo da Semana Verde de Galicia e do resto de eventos relacionados co sector agrario que se celebren no recinto de Silleda, como o certame de maquinaria agrícola, gandería e agricultura Cimag-GandAgro. Estas feiras incorporarán a marca ABANCA á súa nomenclatura, ao igual que o recinto feiral e a Central Agropecuaria de Galicia. Así, a Semana Verde pasará a denominarse ‘Feira Internacional ABANCA Semana Verde de Galicia’ e, na súa versión abreviada, ’ABANCA Semana Verde’, mentres que os outros dous certames da Feira, Salimat (Salón de alimentación do Atlántico) e Fecap (feira de caza, pesca e natureza) pasarán a chamarse ‘Salimat ABANCA’ e ‘Fecap ABANCA’.
O recinto feiral tamén cambiará a súa denominación actual pola de ‘Feira Internacional de Galicia ABANCA’, ao igual que a Central Agropecuaria chamarase ‘Central Agropecuaria de Galicia ABANCA’.
Ademais, a entidade financeira galega será patrocinador relevante no resto de eventos que se organicen no parque de exposicións de Silleda.
O distintivo visual de ABANCA terá unha presenza destacada nas distintas instalacións do recinto -pavillón principal, sala de poxas, auditorio, etc.- e reflectirase en todas as comunicacións que utilice a Fundación.
Aposta polo sector agrogandeiro
Na súa nova etapa, ABANCA marcouse como obxectivo reforzar a súa posición de líder no sector agrogandeiro galego. O banco puxo en marcha nos últimos meses un dispositivo especial para a campaña de axudas da Política Agraria Común (PAC), no que máis de 200 especialistas asesoran e apoian nas zonas rurais a agricultores e gandeiros na tramitación das subvencións. ABANCA é a primeira entidade financeira en Galicia en domiciliación e tramitación destas axudas europeas, cunha cota de mercado do 49%, que triplica á seguinte entidade.
ABANCA ofrece produtos específicos ao sector agrogandeiro, adaptados ás necesidades financeiras deste tipo de clientes e con condicións moi vantaxosas respecto ao mercado, como a conta Agrocrédito, o préstamo ou leasing Agrogandeiro, préstamos a tipo cero de anticipo de colleitas ou subvencións, ou unha liña de seguros agrarios.