ABANCA axuda a máis de 300 empresas galegas en dificultades financeiras
- A entidade contribúe con esta iniciativa a manter 7.000 empregos en Galicia
- Cada Dirección Territorial disporá dun ‘Espazo A-Impulsa’ para facilitar a análise e seguimento das empresas beneficiarias deste plan
ABANCA presta neste momento apoio personalizado a máis de 300 empresas galegas que atravesan dificultades financeiras, co obxectivo de darlles estabilidade e garantir a súa supervivencia a medio e longo prazo.
A axuda canalízase a través do Plan A-Impulsa, unha iniciativa posta en marcha polo banco no último trimestre de 2014 coa finalidade de mellorar a situación crediticia de pemes e empresas viables con problemas financeiros que poñen en risco a súa continuidade. Para desenvolver este plan, a entidade financeira galega creou un equipo de especialistas en crédito, que se encarga de analizar en profundidade a situación destas empresas e de elaborar un plan personalizado para resolver as súas dificultades financeiras.
Entre outras fórmulas, propóñense reorganizacións de débeda (novos préstamos) ou renegociacións de condicións (ampliación de prazos de amortización, etc). Posteriormente, o equipo de A-Impulsa realiza un seguimento para verificar se as medidas adoptadas son suficientes para estabilizar a empresa e garantir a súa viabilidade, ou se, polo contrario, son precisas outras solucións.
Micropemes, pemes e grandes empresas
Ata a data, ABANCA logrou normalizar a través de A-Impulsa a situación financeira de máis de 300 empresas galegas, co que o banco contribuíu a garantir a súa continuidade e a manter, no seu conxunto, uns 7.000 postos de traballo na comunidade. No plan inclúense tanto micropemes, como pemes e grandes empresas, sen importar o seu tamaño, volume de negocio nin o importe do seu financiamento.
A entidade financeira galega reforzará esta iniciativa co obxectivo de poder apoiar a máis de 500 empresas e 11.000 postos de traballo durante os próximos dous anos e contribuír á reactivación económica de Galicia apoiando e auxiliando ás empresas que contan cun produto rendible ou unha boa posición no mercado, pero que viron deteriorada a súa situación económica a causa da crise.
O banco vén de duplicar os recursos destinados a este plan, e acaba de crear un ‘Espazo A-Impulsa’ en cada Dirección Territorial, para poder estar máis preto das empresas de cara a facilitar a análise, negociación e seguimento da súa situación financeira.