ABANCA cede o seu fondo bibliográfico á Biblioteca de Galicia
- Destacan 66 incunables, algúns deles exemplares únicos en España
O fondo bibliográfico de ABANCA enriquece desde este martes 4 de novembro o catálogo de publicacións da Biblioteca de Galicia. A colección privada da entidade financeira, formada por 3.214 documentos de gran valor, é unha das máis relevantes de Galicia e unha das destacadas a nivel estatal.
O vicepresidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet Rodríguez, e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, presentaron este martes os fondos que cedeu o banco nun acto que tivo lugar na Cidade da Cultura, espazo no que se sitúa a Biblioteca de Galicia e onde a partir de agora se expoñen ao público de maneira permanente estas xoias bibliográficas.
Con esta iniciativa, o banco cumpre cun dos obxectivos fundamentais que se ten marcado dentro da súa política de responsabilidade social: compartir o seu amplo patrimonio artístico coa sociedade.
Juan Carlos Escotet Rodríguez destacou na súa intervención que “a cesión da colección de publicacións de ABANCA á Biblioteca de Galicia permite poñer a disposición de toda a cidadanía un patrimonio documental de gran valor que perde todo o seu sentido se non pode ser admirado e consultado por todas aquelas persoas interesadas en coñecelo, estudalo e divulgalo”.
O fondo bibliográfico da entidade financeira reúne 3.214 publicacións de temática variada nas que predominan as obras de ámbito económico e histórico. O vicepresidente de ABANCA sinalou que “a coidada selección de documentos representa unha panorámica do saber desde o século XV ata principios do XX e achéganos unha visión da cultura entendida desde un punto de vista humanista”.
Pola súa especial transcendencia destacan na colección 66 incunables dos principais centros impresores do século XV, algúns deles exemplares únicos en España, e once facsímiles entre os que se atopan obras de relevante valor como as Cantigas de Santa María de Alfonso X ou a Biblia de Kennicot, unha biblia hebrea escrita e ilustrada na Coruña no século XV.
A cesión deste patrimonio documental permite favorecer o acceso físico aos fondos dos cidadáns e os investigadores que o soliciten. Ademais, calquera persoa interesada poderá consultar os documentos a través de Internet, onde unha vez dixitalizados ocuparán un espazo específico e relevante dentro de Galiciana, a biblioteca dixital de Galicia.