ABANCA celebra a súa xunta xeral de accionistas
- Aprobados todos os puntos da orde do día
- ABANCA obtivo en 2017 un beneficio neto de 367 millóns de euros, un 10,0% máis que no exercicio anterior
- Balance social: 30 millóns de investimento desde 2014
A Xunta Xeral de Accionistas de ABANCA, presidida por Juan Carlos Escotet Rodríguez, celebrou esta mañá na Coruña a súa reunión anual ordinaria, cita que rexistrou unha asistencia do 87,45% do capital social da entidade e na que se aprobaron os 8 puntos que conformaban a orde do día.
O máximo órgano de representación da entidade financeira galega aprobou as contas anuais individuais e consolidadas de 2017, así como os informes de xestión verificados por KPMG Auditores. ABANCA obtivo en 2017 un beneficio neto de 367 millóns de euros, un 10,0% máis que no exercicio anterior. A actividade do banco no pasado ano traduciuse nunha mellora consistente e significativa dos principais indicadores en materia de rendibilidade, calidade do risco, solvencia, liquidez e dinamismo comercial, o que permitiu cumprir os obxectivos estratéxicos fixados para o trienio 2014-2017. ABANCA mantivo ao peche de 2017 un elevado nivel de capitalización (ratio CET1 do 14,6%) e unha folgura de 1.762 millóns sobre os requirimentos.
As contas aprobadas inclúen a Memoria Corporativa e de Responsabilidade Social Corporativa que recolle as actuacións de ABANCA e Afundación do ano pasado. En 2017 a entidade financeira dotou con máis de 5 millóns de euros a Afundación para o desenvolvemento das súas actividades de educación superior e formación profesional, envellecemento activo e desenvolvemento sociocultural. Grazas a este apoio os programas de Afundación beneficiaron o ano pasado a 1.100.000 persoas.
A acción do banco no ámbito da RSC compleméntase con iniciativas propias que en 2017 tiveron como eixos centrais o bo goberno, a educación, o desenvolvemento da sociedade, a cultura e o medio ambiente. Entre as accións máis relevantes destacan a visita a Galicia do recoñecido director de orquestra Gustavo Dudamel no marco de Palabras para Galicia de ABANCA, a restauración do mural de Urbano Lugrís ‘Vista da Coruña 1669’ e a exposición organizada polo banco sobre a obra do artista. No ámbito do voluntariado, ABANCA promoveu a campaña solidaria ‘Unha nova árbore’, que permitiu a repoboación con especies autóctonas dalgunhas das zonas máis afectadas pola vaga de incendios do pasado mes de outubro. Outro feito destacado o ano pasado foi a incorporación do colectivo de usuarios de Down Galicia ao programa de educación financeira que desenvolve o banco e que beneficiou xa a máis de 31.000 persoas.
Desde a súa creación en 2014 ABANCA destinou máis de 30 millóns de euros a investimento social e en 2018 a achega a Afundación ascenderá a 11 millóns.
Por outra banda, a Memoria Corporativa destaca que a actividade directa e indirecta de ABANCA xera impactos positivos na súa contorna sobre a economía, a recadación fiscal e determinados aspectos sociais. Entre eles destaca a achega ao mercado laboral de 4.352 empregos directos de calidade (un 94% dos profesionais teñen contrato fixo), dos cales 3.513 están situados en Galicia, un 80,7%, e a contribución fiscal de ABANCA, que supuxo en 2017 un total de 302,3 millóns de euros en pago de impostos directos e indirectos e achegas á Seguridade Social. Ademais, o ano pasado apoiou á administración estatal, autonómica e local na recadación de 4.875,2 millóns de euros.
Mellores prácticas de gobernación
Os accionistas da entidade aprobaron ademais determinadas modificacións estatutarias ao obxecto de adaptarse á recente doutrina do Tribunal Supremo en materia de retribucións dos conselleiros, así como continuar aliñándose coas mellores prácticas de gobernación das sociedades cotizadas, o que constitúe unha prioridade recorrente de ABANCA.
ABANCA conta con oito conselleiros: Juan Carlos Escotet Rodríguez, Francisco Botas, Pedro López, Eduardo Eraña, Carina Szpilka, José Ramón Rodrigo Zarza, José García Montalvo e Leticia Iglesias (suxeita á obtención da autorización supervisora). En liña coas mellores prácticas de gobernación, seis deles son independentes.