ABANCA, Celta e Deportivo presentan unha nova edición da iniciativa ‘Imposible sen ti’ para promover a cordialidade no derbi
- A entidade financeira apadriña o novo anuncio que invita ás dúas afeccións a gozar do encontro con respecto
- O anuncio producido por TEX45 Producións céntrase este ano na amizade de Mónica e Sabela, unha do Dépor e outra do Celta, que se reúnen todos os anos para ver o derbi
ABANCA, xunto ao Real Club Celta e ao Real Club Deportivo, pon en marcha un ano máis a terceira edición da iniciativa ‘Imposible sen ti’, unha proposta para promover a cordialidade e o respecto entre as afeccións que chega xusto antes da disputa do derbi galego o próximo 23 de decembro no estadio ABANCA Riazor.
O eixo central da campaña é un anuncio que foi presentado esta tarde na sede institucional do banco na Coruña e contou coa presenza de Gabriel Gónzalez Eiroa, director de Rede Comercial de ABANCA, Cristobal Parralo, adestrador do Deportivo, Juan Calos Unzué, adestrador do Celta, e os xogadores de ambos os equipos, Pedro Mosquera e Jonny Castro. Todos eles coincidiron á hora de asegurar que o partido do sábado debe ser, como nos últimos anos, unha festa na que prime o espectáculo do fútbol e a rivalidade sa.
A campaña deste ano conta cun único anuncio (non haberá unha segunda parte) no que a amizade é o eixo principal da historia. O anuncio ten como protagonistas a dúas amigas de toda a vida, unha do Celta e outra do Deportivo, e a un loro: ‘O loro do Derbi’.
Ademais do anuncio, ABANCA puxo en marcha, dentro da mesma campaña, o site olorododerbi.com no que todos os afeccionados do Dépor e do Celta poderán decidir se o papagaio anima a un ou outro equipo. Nos perfís de redes sociais de ABANCA anunciarase se finalmente o papagaio é do Celta ou do Dépor. A campaña reforzarase tamén co uso en redes sociais dos hashtag #ImposibleSenTi e #Olorododerbi.
Con esta acción, ABANCA segue reforzando o seu compromiso co mundo do deporte en Galicia, xa que ademais de ser un dos principais patrocinadores dos dous clubs, colabora activamente con outros conxuntos de elite de diversas disciplinas deportivas. De maneira adicional, desde fai tres anos traballa conxuntamente coa Fundación Deporte Galego nun programa de apoio económico que chega por centos de formacións e miles de deportistas.
Unha historia de amistad
O anuncio, creado un ano máis por Tex45 Producións, relata a historia de Mónica e Sabela, dúas amigas de toda a vida que se reúnen todos os anos para ver o derbi na mesma taberna na que de pequenas escoitaron o primeiro partido pola radio e na que tamén xuntas viron o primeiro partido en branco e negro pola televisión. Coa primeira tele chegou tamén Moncho, un papagaio que aos poucos meses xa animaba ao Deportivo. Pero este ano, cando unha das amigas chega á porta da taberna atópase coa mensaxe de ‘pechado por defunción’. O desenlace da historia é moi divertido cun novo papagaio como protagonista.
‘O derbi dos artistiñas’
A mañá do derbi en Riazor terá lugar no campo da Grela un partido moi especial entre as caras máis coñecidas da televisión e a cultura en Galicia, cada un vestido coas cores do Deportivo ou Celta. No equipo do Celta xogarán, entre outros, Javier Veiga, Terio Carreira, Carmen Méndez ou Susana Sampedro. No Deportivo estarán Cristina Igrexas, Kiko Novoa, Xosé Antonio Touriñan e Tamar Novas, entre outros.