ABANCA colabora coa Real Academia de Xurisprudencia na celebración do seu 50 aniversario
- O banco con sede en Galicia estreita o traballo conxunto co ente profesional para contribuír á divulgación da súa actividade formativa e educativa
- A Real Academia de Xurisprudencia lanzará proximamente unha páxina web para dar a coñecer toda a programación desta efeméride
ABANCA e a Real Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación intensifican o seu traballo conxunto e acaban de asinar un convenio de colaboración para poñer en marcha iniciativas divulgativas. A rúbrica, que tivo lugar hoxe na sede do organismo asociativo, contou coa presenza do presidente de ABANCA, Javier Etcheverría de la Muela, e do presidente da Real Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación, José Antonio García Caridad.
Froito desta colaboración, ABANCA implicarase no desenvolvemento das actividades previstas para a conmemoración deste quincuaxésimo aniversario da fundación da Real Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación. Uns actos que tomarán como argumento principal o fomento e a difusión da cultura xurídica e afondarán na significación e transcendencia deste ente dende a súa creación.
O calendario de actos, que se pechará proximamente, incluirá unha ampla programación de seminarios, coloquios, cursos e conferencias. Precisamente, para dar a coñecer esta efeméride, a Real Academia Galega de Xurisprudencia vai desenvolver e poñer en funcionamento grazas ao apoio de ABANCA unha páxina web corporativa específica.
“O labor da Real Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación require todo o noso apoio para que siga mantendo esta especial sensibilidade. É o compromiso de ABANCA contribuír decisivamente en todos os ámbitos da sociedade”, indicou Etcheverría de la Muela. Para García Caridad, “a celebración deste 50º aniversario supón un punto de inflexión e, o apoio de ABANCA, permitiranos contar cunha programación máis completa e coherente coa nosa traxectoria”.
A Real Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación é un organismo fundado no 1966 e cumpre a función de velar por unha correcta práctica do dereito. Especialmente activo foi o seu papel para preservar e transmitir as cuestións particulares contempladas no dereito foral galego.