ABANCA colabora con Casintra para facilitar o apoio financeiro aos transportistas
- O banco deseña unha oferta financeira adaptada ás necesidades dos profesionais desta cooperativa asturiana, que na actualidade conta con preto de 300 socios
- Os transportistas poderán desfrutar de produtos e servizos específicos para facer fronte aos gastos correntes e terán a posibilidade de fraccionar o pago dos seguros de camións mediados por ABANCA
ABANCA e a cooperativa de transporte e loxística asturiana Casintra alcanzaron un novo acordo financeiro co obxectivo de facilitar o acceso ao crédito aos profesionais que pertencen a esta sociedade.
Na firma, que tivo lugar na capital asturiana, participaron o presidente de Casintra, Francisco Javier Álvarez Rodríguez, e o director territorial de ABANCA en Asturias e León, Marcos Lamas Seoane. Este acordo súmase a outros que a entidade financeira mantén con algunhas das principais cooperativas de transporte asturianas, no marco da súa estratexia de apoio ao tecido empresarial do Principado.
Grazas a este acordo, os cooperativistas de Casintra terán a posibilidade de contratar produtos como préstamos persoais ou pólizas de crédito con intereses moi atractivos, pensados para facer fronte ás tensións de tesourería que se producen no desempeño da súa actividade económica. Os transportistas tamén dispoñerán de liñas de avais e poderán beneficiarse das diferentes liñas de financiamento que ABANCA ten subscritas con diversos organismos públicos, destacando ‘Empresas e Emprendedores’ de ICO e os convenios que a entidade mantén con diferentes SGR no territorio nacional.
A oferta de ABANCA tamén se centra en solucións de leasing para financiar novos transportes e no financiamento sen intereses para fraccionar as primas de seguros de vehículos mediados por ABANCA. Con este convenio poderán ademais acceder ao Programa Cero Comisións do banco, que permite deixar de pagar polo mantemento das contas e tarxetas, pero tamén polas transferencias, ingresos de cheques ou outros servizos habituais.
Así mesmo, o acordo inclúe outros servizos e produtos específicos da entidade, entre os que destacan APLAZOS, o servizo de financiamento no punto de venda de ABANCA, e toda a súa oferta de banca a distancia.
Casintra é unha sociedade cooperativa de transportistas asturiana creada en 1971, que conta na actualidade cuns 300 socios e unha rede comercial estable con delegacións nos principais puntos estratéxicos do país. Ademais, conta cunha gran cantidade de almacéns loxísticos, entre os que destacan tres depósitos aduaneiros, xa que desde hai dous anos conta coa certificación OEA. ABANCA, pola súa banda, é a entidade financeira de referencia no noroeste español, cunha rede de case 700 oficinas e unha clara orientación cara ao tecido empresarial.