ABANCA colabora na formación do alumnado do Máster en Ciencias Actuariales y Financieras da ULE
- O II Seminario MUCAF-ABANCA inclúe catro sesións nas que profesionais do banco achegarán aos estudantes a realidade da profesión actuarial e financeira na empresa privada
- As xornadas serán gratuítas e terán lugar entre o 16 de abril e o 28 de maio
ABANCA e o Máster Universitario en Ciencias Actuariales y Financieras da Universidad de León (MUCAF) reactivaron a colaboración que manteñen desde a primeira edición da titulación para enriquecer a formación que recibe o alumnado coa organización do II Seminario MUCAF-ABANCA, que se desenvolverá en formato videoconferencia entre os días 16 de abril e 28 de maio.
A primeira edición desta actividade formativa tivo lugar en 2019 cunha valoración moi positiva por parte dos participantes, pero en 2020 a crise sanitaria da covid-19 impediu a súa celebración. Nesta segunda edición, o seminario inclúe catro sesións formativas nas que profesionais de ABANCA con ampla experiencia achegarán aos estudantes a realidade da profesión actuarial e financeira no ámbito empresarial.
A actividade comezará o 16 de abril cunha sesión centrada na previsión social impartida por Jesús De Juana de la Salud, especialista en Deseño e Desenvolvemento de Produto de ABANCA Seguros. O día 30 de abril está prevista unha xornada a cargo de Mario Rivera Celada, coordinador de Admisión de Riscos de ABANCA en Castilla y León/Asturias, na que se abordará a análise e a avaliación de riscos para empresas. O 14 de maio, María José Martinez Buy e Laura María Lodeiro, actuarias en ABANCA Vida y Pensiones, falarán aos asistentes sobre as funcións dun actuario no sector privado, e o seminario finalizará o 28 de maio cun relatorio de Paula Mayoral Alonso, directora de Banca Personal de ABANCA en Castilla y León/Asturias, sobre a xestión do aforro e a planificación patrimonial. Todas as sesións comezarán ás 12.00 horas e terán unha duración de 90 minutos.
Poderán asistir ao seminario os alumnos e alumnas dos másteres en Ciencias Actuariais e Financeiras e doutras titulacións das facultades de Ciencias Económicas e Empresariais, así como profesores e investigadores vinculados a estas áreas de coñecemento. A convocatoria está aberta tamén aos membros dos colexios profesionais de actuarios, como o Instituto de Actuarios Españoles, economistas, titulados mercantís e empresariais e mediadores de seguros, así como a outros profesionais que poidan estar interesados en ampliar ou actualizar os seus coñecementos sobre as ciencias actuariais e financeiras na contorna empresarial.
As persoas que desexen inscribirse nesta actividade formativa poden facelo ata o mércores 14 de abril, ás 14.00 horas, enviando un correo electrónico á coordinadora do MUCAF, Carmen González Velasco, cuxa dirección é carmen.gvelasco@unileon.es. Unha vez solicitada a inscrición, que será gratuíta, recibirán nos seus correos electrónicos as invitacións correspondentes para acceder ás sesións en liña.
A colaboración de ABANCA co Máster en Ciencias Actuariales y Financieras da Universidad de León enmárcase no compromiso do banco por ofrecer propostas formativas de calidade que poidan complementar a formación que reciben tanto os escolares como os estudantes universitarios ao longo da súa vida académica, de modo que poidan dispoñer de todos os recursos necesarios para desenvolverse persoal e profesionalmente. En concreto, o banco realizou unha forte aposta pola educación financeira e desde 2015 leva a cabo un amplo programa de actividades que buscan mellorar os coñecementos e as habilidades financeiras da poboación desde idades temperás. Cada ano benefícianse deste programa máis de 100.000 persoas.