ABANCA completa os seus servizos de pago con móbil coa posta en marcha do seu wallet
- A aplicación tamén incorpora a funcionalidade Masterpass, que permitirá aos clientes simplificar as compras en liña
- O lanzamento destes novos servizos reforza a estratexia dixital e de medios de pago da entidade financeira
ABANCA lanza para todos os seus clientes un novo servizo dixital para pagar co móbil, o wallet ABANCA, que permitirá aos clientes da entidade financeira galega ter todas as súas tarxetas ABANCA no móbil e pagar directamente co seu smartphone en calquera establecemento comercial no que se poida utilizar unha tarxeta de débito ou crédito contactless.
Este novo servizo de carteira dixital está dispoñible na aplicación de pagos de móbil a móbil da entidade financeira, ABANCA Pay, e é gratuíto. Poderase asociar calqueira tarxeta VISA ou Mastercard, de crédito ou débito, de ABANCA. Tamén se incorporou a esta aplicación a funcionalidade de Masterpass, un novo medio de pago para facer compras en internet a través do móbil, tablet ou ordenador.
Pago fácil e seguro
Pagar a través do wallet ABANCA é moi sinxelo e totalmente seguro. Simplemente descargándose a aplicación de ABANCA Pay o cliente terá acceso ao servizo de wallet e Masterpass. As tarxetas de crédito e débito de ABANCA que teña o usuario cárganse directamente na aplicación e non ten que introducilas o cliente, xa que a app está asociada á súa conta de banca electrónica.
Unha vez cargadas as tarxetas, o wallet pedirá un pin para realizar os pagos co móbil. Para pagar nos comercios, só hai que desbloquear o móbil e achegalo ao TPV, se o pago supera os 20 euros deberemos teclear no TPV o PIN do wallet. Tamén se incorpora a autenticación dos pagos con pegada dixital desde o móbil, de tal modo que o cliente valida con plena seguridade a operación desde orixe no propio dispositivo e para calquera importe, sen requirirse neste caso o tecleo de PIN no TPV. A seguridade das transaccións está absolutamente garantida e ao ser unha app propia de ABANCA non se ceden os datos a terceiros. ABANCA Wallet está dispoñible para todos os móbiles con Android 4.4 ou superior e con tecnoloxía NFC.
Pioneiros na incorporación de Masterpass
A actualización de ABANCA Pay incorpora tamén a posibilidade de pagar en comercios en liña utilizando o sistema Masterpass. Comprar con Masterpass é moi sinxelo. Se o comercio dispón de Masterpass, o cliente debe seleccionalo no momento de realizar o pago e escoller ABANCA como entidade. Inmediatamente recibirá unha notificación no móbil que lle permitirá aceptar o pago.
Solucións de pago a través do móbil
Un dos alicerces fundamentais da estratexia dixital de ABANCA é ofrecer aos seus clientes a tecnoloxía financeira máis innovadora, tentando incorporar as últimas novidades e tendencias do mercado.
ABANCA é pioneira en ofrecer aos seus clientes os últimos servizos de pago a través do móbil. Desde marzo de 2016 a entidade permite o pago instantáneo de móbil a móbil con ABANCA Pay e, desde hai máis de 11 anos, os clientes da entidade poden retirar diñeiro nos caixeiros sen necesidade de usar a tarxeta grazas ao servizo de ABANCA Cash, un sistema que permite enviar diñeiro a calquera móbil mediante unha mensaxe SMS. O código incluído na mensaxe permite recoller o diñeiro, sen tarxeta, en calquera dos caixeiros adheridos ao sistema.