ABANCA compra Banco Caixa Geral en España
- Apoiándose na súa sólida posición de capital, ABANCA segue avanzando no seu plan de crecemento e sitúase como sétima entidade española por patrimonio neto e oitava por activos
- ABANCA incrementa o seu volume de negocio en 7.000 millóns: 2.950 en depósitos da clientela, 3.446 en crédito e 389 en activos baixo xestión
- O banco adquirido dispón de 110 oficinas en España que prestan servizo a 130.000 clientes particulares e empresas
- ABANCA complementa a súa rede no territorio nacional e reforza o seu carácter ibérico
ABANCA resultou gañadora do proceso formal de venda desenvolto nos últimos meses polo Goberno de Portugal para adxudicar Banco Caixa Geral, S.A., o banco con licenza española a través do cal opera en España o Grupo Caixa Geral de Depósitos. Na súa decisión, as autoridades portuguesas valoraron positivamente o proxecto de desenvolvemento presentado por ABANCA, que, entre outras cuestións, supoñerá a aplicación á entidade adquirida das capacidades tecnolóxicas do banco con sede en Galicia, o seu modelo operativo e de relación co cliente e as súas capacidades comerciais especializadas en segmentos de alto valor.
O acordo global supón un prezo de 364 millóns de euros resultante de aplicar un múltiplo de en torno ao 0,65 ao book value da entidade adquirida. Esta operación xera un importante valor para ABANCA e engade un valor positivo a través do badwill obtido que ABANCA destinará a fortalecer os negocios resultantes e a realizar a integración.
A operación, complementaria co modelo e a estratexia de ABANCA, axústase aos principios de rendibilidade, calidade de carteira e solvencia que caracterizan a xestión de ABANCA. Banco Caixa Geral mantívose en situación de rendibilidade no últimos catro anos, presenta unha taxa de morosidade de 3,1%, inferior á media do mercado español, e conta cun cociente de solvencia de 17,3% (decembro 2017).
Unha vez decidida a adxudicación a ABANCA, iníciase o proceso de obtención das autorizacións administrativas correspondentes. A partir de aí, o banco iniciará o proceso de integración, campo no que acumula unha contrastada experiencia nos últimos anos.
ABANCA, en crecemento
A compra, que incrementa en 7.000 millóns de euros o volume de negocio de ABANCA, permítelle subir un posto no ránking de entidades españolas por patrimonio neto, ascendendo á sétima posición, e dous niveis na clasificación do sector por activos, ata situarse no oitavo lugar. Supón desta maneira un paso máis no seu proceso de crecemento, no que tamén se enmarcan a próxima entrada no mercado de Estados Unidos coa apertura dunha nova oficina en Miami e a integración de Deutsche Bank PCC Portugal, especialmente enfocada en Banca Privada e Persoal.
Coa integración de Banco Caixa Geral, ABANCA complementará a súa rede comercial estendendo a súa actividade a novas provincias e reforzando a súa presenza noutras nas que xa opera. Banco Caixa Geral dispón de 110 oficinas en dez comunidades autónomas españolas (Madrid, Galicia, Estremadura, Castela e León, País Vasco, Asturias, Cataluña, Aragón, Comunidade Valenciana e Andalucía), con especial presenza nas provincias máis próximas á fronteira con Portugal. O persoal da entidade está formada por 524 profesionais que prestan servizo a 131.640 clientes particulares e empresas.
Banco Caixa Geral opera principalmente nos segmentos de banca para particulares, banca privada e persoal, e banca de empresas, neste último segmento con especial atención a compañías con actividade transfronteiriza. A compra do banco reforza as liñas fundamentais do plan estratéxico de ABANCA, baseado na banca especializada e a captación de clientes de valor. O negocio de Banco Caixa Geral está cuantificado en 3.446 millóns en crédito, 2.950 millóns de euros en depósitos da clientela, e 389 millóns en activos baixo xestión.
Beneficios da operación
Ademais de complementar e reforzar a súa rede, a adquisición de Banco Caixa Geral permite a ABANCA consolidar e incrementar o seu crecemento e a súa especialización en banca para empresas, abrir novas oportunidades para a comercialización de produtos de valor e acentuar o seu carácter ibérico grazas á actividade comercial entre España e Portugal.
Coa súa integración en ABANCA, os actuais clientes de Banco Caixa Geral terán á súa disposición un amplo abanico de modelos de atención especializados nos principais segmentos de clientes (empresas, pemes, negocios, internacional, privada e persoal), unha ampla gama de produtos de valor entre os que destaca a oferta aseguradora, e novas capacidades tecnolóxicas e de canles para operar e relacionarse co seu banco, entre as que destaca unha das apps de banca móbil mellor valoradas do mercado español.
Sólidas bases
A decisión do Goberno de Portugal supón un forte apoio ao plan de crecemento que ABANCA vén desenvolvendo nos últimos anos a partir da súa sólida posición de capital, unha das máis elevadas do sector financeiro español. A entidade presenta un cociente CET1 Phase In do 14,9%, un exceso de capital sobre os requirimentos do BCE de 1.882 millóns de euros e unha posición de liquidez cifrada en 10.646 millóns de euros.
Tras experimentar unha das maiores reducións do sector, a taxa de morosidade situouse no 4,5%, o que, sumado a unha cobertura total do 57,2%, tamén entre as maiores do sistema, acreditan unha elevada calidade da carteira. Pola súa banda, o negocio mostra un comportamento de gran fortaleza, cun crecemento do 10% nos ingresos recorrentes (marxe básica, resultados terceiro trimestre).
Outros hitos
A compra de Banco Caixa Geral dá continuidade a outras operacións similares realizadas nos últimos anos.
En 2017 ABANCA adquiriu o 100% de Popular Servizos Financeiros, a antiga división de crédito ao consumo de Banco Pastor, que integrou na súa división ABANCA Servizos Financeiros. A operación supuxo a integración dunha carteira de crédito de case 200 millóns de euros, 15 oficinas en España e Portugal, 15.000 acordos con comercios e concesionarios, 500.000 clientes e un equipo de máis de 100 profesionais.
En 2018 ABANCA resultou gañadora do proceso formal de venda da unidade de banca de particulares de Deutsche Bank PCC Portugal, con especial presenza no segmento de banca persoal e privada. O negocio adquirido por ABANCA consta de 41 oficinas comerciais en Portugal, un volume de negocio de 6.500 millóns de euros, 50.000 clientes, un persoal de 330 persoas e 100 axentes externos.
Doutra banda, ABANCA recibiu nos últimos meses a licenza das autoridades de Estados Unidos (Reserva Federal) para comezar a operar no mercado americano. ABANCA iniciará a súa actividade en EE. UU. o próximo 3 de decembro.