ABANCA consolida a súa oferta de seguros propios cun novo produto de decesos
- O banco afiánzase no mercado asegurador con produtos innovadores, sinxelos e personalizables nos principais ramos
- O último dos lanzamentos, o seguro de decesos, é un produto que se adapta ás necesidades de cada cliente ou familia e pode contratarse a prima única ou con pago anual
ABANCA iniciou a comercialización do seu primeiro seguro propio de decesos, un lanzamento co que o banco consolida o seu posicionamento nos principais ramos do mercado asegurador cunha oferta competitiva de produtos centrados no cliente, innovadores e con múltiples opcións de personalización.
O novo seguro de ABANCA destaca pola súa sinxeleza, estrutura modular e flexibilidade, que permiten configurar un produto a medida de cada cliente e incluír unicamente as prestacións que necesite. As coberturas básicas céntranse nun servizo fúnebre completo, con atención presencial personalizada aos familiares, e incorporan tamén, entre outros servizos, o traslado nacional e internacional da persoa falecida, así como asistencia psicolóxica e xurídica. A partir dese módulo esencial, o asegurado pode personalizar a póliza con outras garantías, como a sepultura, o borrado de pegada dixital, un paquete xurídico ampliado ou asistencia aos familiares en viaxe ao estranxeiro.
O produto conta con dúas modalidades de contratación, adaptadas a cada perfil de cliente. A opción a prima única diríxese a persoas a partir de 65 anos e permite pagar o seguro nun só recibo ao contratar a póliza. Con esta alternativa, o asegurado ten garantida a prestación do servizo funerario sen traspasar á familia a carga económica e a responsabilidade de contratalo no momento do seu falecemento. A outra das modalidades de contratación, de prima periódica, está pensada para seguros individuais e de carácter familiar, con descontos por número de asegurados e forma de pago anual, con opción de fraccionalo mes a mes de forma gratuíta a través da Tarifa Plana de ABANCA Seguros.
Con este novo lanzamento, ABANCA completa o seu catálogo de seguros propios cunha das modalidades máis habituais nos fogares españois. Segundo as últimas cifras difundidas por Unespa, a Asociación Empresarial do Seguro, ao peche de 2022 este seguro daba cobertura a 22,1 millóns de persoas no noso país e era unha das prestacións con maior penetración en canto a pólizas contratadas, cunha presenza significativa en, practicamente, todo o territorio nacional.
Oferta competitiva e diferencial no mercado
O de decesos é o sexto seguro integramente desenvolto en apenas tres anos pola entidade financeira a través da compañía ABANCA Seguros Generales (ASG), ao que precederon os lanzamentos dos seguros de coche, protección de pagos, negocios, fogar e saúde. Trátase dun catálogo innovador e diferencial no mercado, que destaca pola súa flexibilidade e as súas garantías personalizables, así como polo seu prezo competitivo e a súa calidade de servizo durante toda a vida da póliza. Ademais, todos os trámites relacionados con estes seguros (desde a simulación e contratación da póliza ata xestión de coberturas adicionais e tramitación de sinistros, entre outros) poden xestionarse desde unha plataforma dixital omnicanal única no mercado, á que o cliente poderá acceder desde a canle que elixa en cada momento.
“A nosa oferta de seguros propios, xunto a un modelo omnicanal de relación co cliente que prima a proximidade e a calidade de servizo, foron determinantes para dar un impulso significativo a unha liña de negocio estratéxica e prioritaria para ABANCA, e posicionarnos como un actor relevante na canle de bancaseguros en España”, resalta Sonia Lucio, directora xeral de ABANCA Seguros.