ABANCA consolídase como o banco líder en fidelidade entre as empresas
- O último informe da consultora MDK revela que a entidade financeira crece en recomendación e mellora en todos os índices analizados respecto da última medición
- O banco con sede en Galicia amplía a distancia cos seus competidores en satisfacción global, recomendación e intención de continuar
- O estudo elabórase coas opinións de máis de 350 empresas que son tanto clientes de ABANCA como doutros bancos
A consultora MDK revela que ABANCA consolida a súa condición de entidade financeira líder en fidelidade entre as empresas, tanto de Galicia, Asturias e León, como do resto de España e en banca corporativa. Así se extrae do informe do primeiro semestre de 2017 elaborado por esta firma de investigación de mercados no que tamén queda patente a mellora da recomendación neste segmento.
ABANCA non só repite como líder en Galicia, Asturias e León no índice de fidelidade, senón que amplía a súa hexemonía. A distancia coa que avantaxa ao competidor mellor situado amplíase ata os doce puntos porcentuais, nun escenario case xeneralizado de empeoramento das valoracións. O banco con sede en Galicia tamén reedita a primeira posición do índice que mide a intención de continuar e novamente incrementa a brecha coa segunda entidade.
Neste informe de MDK, ABANCA alcanza en Galicia, Asturias e León por primeira vez a mellor valoración do sector tanto en satisfacción global, como en recomendación. Dúas importantes variables que poñen de manifesto a tendencia positiva que está a experimentar a entidade no campo da satisfacción do cliente. Unha mellora que tamén está acompañada dun notable repunte da recomendación de ABANCA entre as empresas, segundo reflicten os datos deste primeiro semestre.
Líderes no resto de España e en banca corporativa
A boa valoración que recibe ABANCA dos seus clientes do segmento empresas repítese tanto no resto de España como en banca corporativa. En ambos os casos, a entidade obtén algunhas das cualificacións máis destacadas en satisfacción global, recomendación e intención de continuar entre os principais bancos. Non en balde, todos os índices analizados neste estudo melloran a súa valoración respecto ao anterior informe.
O informe, encargado por ABANCA, recolle tamén a valoración que as empresas participantes outorgan aos xestores cos que habitualmente tratan. A nota coa que os cualifican crece respecto ao semestre anterior e a media supera o 9. De maneira case unánime, as empresas identifican a unha persoa de contacto en ABANCA.
A consultora MDK creou este informe a través de enquisas telefónicas realizadas a máis de 350 empresas que son tanto clientes de ABANCA como doutras entidades. Os resultados que arroxa son unha importante ferramenta de mellora continua que permite coñecer a opinión do servizo que o banco ofrece ás persoas xurídicas