ABANCA convértese en mecenas da Catedral de Lugo para axudar á súa rehabilitación e conservación
- ABANCA apoiará á Fundación Catedral de Lugo en todas as accións de mantemento, conservación e promoción da basílica que se realicen durante o ano de vixencia do convenio
ABANCA e o Bispado de Lugo veñen de chegar a un acordo polo que a entidade financeira galega participará no plan de mecenado que a Fundación Catedral de Lugo puxo en marcha para financiar accións de mantemento, conservación e promoción da Catedral de Lugo.
O acordo, asinado esta mañá por Walter Álvarez, director territorial de ABANCA en Lugo, e por Alfonso Carrasco Rouco, Bispo de Lugo e presidente da Fundación Catedral de Lugo, establece unha colaboración por un ano da entidade financeira nesta acción.
Coa firma deste acordo, ABANCA apoiará á Fundación en todas as accións de mantemento, conservación e promoción da Catedral que realice durante o ano de vixencia do convenio.
A colaboración co Bispado de Lugo enmárcase dentro da política de Responsabilidade Social Corporativa da entidade financeira coa que pretende colaborar con entidades, organismos e axentes sociais do tecido cultural e empresarial de todo o territorio galego na promoción, difusión e apoio ao coñecemento, á investigación, á cultura e á arte nas súas diferentes facetas.
A Fundación Catedral de Lugo, declarada de interese cultural pola Xunta de Galicia, púxose en marcha en 2011 a partir do inicio das obras de rehabilitación da basílica lucense. Entre os seus obxectivos destacan a promoción, divulgación, conservación e fomento dos valores culturais, históricos, relixiosos e patrimoniais da basílica. O ente promove tamén a investigación dos aspectos culturais, históricos e sociais vinculados á catedral.