ABANCA convértese na primeira entidade financeira que certifica a calidade e transparencia dun dos seus produtos
- Trátase da primeira certificación baixo esta norma que se outorga a un proxecto dunha entidade financeira
- A certificación recoñece o compromiso de ABANCA por ofrecer un servizo transparente e innovador aos seus clientes
ABANCA obtivo a certificación de calidade e transparencia de AENOR (Asociación Española de Normalización e Certificación) segundo a Norma UNE 93200 para a carta de servizos do seu produto Multricrédito 48 horas, converténdose así na primeira entidade financeira que logra este recoñecemento.
Este certificado confirma que a carta de servizos do produto Multicrédito 48 horas de ABANCA cumpre coa Norma UNE 93200, unha das principais ferramentas que existe actualmente para especificar os requisitos mínimos do contido e proceso de elaboración, seguimento e revisión das cartas de servizos, garantindo que non son meras declaracións de intencións, senón un verdadeiro compromiso de calidade que satisface as expectativas dos usuarios.
O director xeral de Responsabilidade Social Corporativa e Comunicación, Miguel Ángel Escotet, e o director xeral de Procesos e Tecnoloxías da Información, José Manuel Valiño Branco, recibiron a certificación de mans do director de AENOR en Galicia, Martín Pita López.
“En ABANCA apostamos por unha banca sinxela, innovadora, responsable e transparente e a certificación de AENOR para o produto Multicrédito 48 horas é un recoñecemento a este modelo de xestión”, sinala Miguel Ángel Escotet.
No informe elaborado por AENOR para certificar a calidade e transparencia da carta de servizos do Multicrédito 48 horas destácanse como puntos fortes a inclusión de medidas de compensación para o usuario ou o reducido número de incidencias por incumprimento do tempo acordado para a tramitación do produto.
“A obtención desta certificación supuxo un importante reto para toda a organización posto que involucrou a unha gran parte da entidade co obxectivo de elaborar unha carta de servizos que demostrase o compromiso que temos cos nosos clientes. Ser a primeira entidade en conseguilo ratifica a nosa aposta pola innovación nos servizos que ofrecemos”, afirma José Manuel Valiño Branco.
O proceso de certificación incluíu a visita dos auditores de AENOR a unha serie de oficinas de ABANCA para realizar entrevistas a todo persoal das sucursais co obxectivo de comprobar que coñecían os compromisos das cartas e todos os procesos asociados aos mesmos.
AENOR é a principal entidade en España dedicada á certificación en todos os sectores industriais e de servizos. O seu traballo de auditoría está fundamentado nos principios de calidade, independencia, imparcialidade, transparencia, obxectividade e recoñecemento internacional.