ABANCA crea ABANCA Mar, unha unidade de negocio ao servizo do sector pesqueiro
- O banco potencia coa nova división a especialización, a proximidade e unha oferta personalizada para as empresas e profesionais de toda a cadea de valor do mar
- ABANCA achega máis de 1.100 millóns en financiamento a este sector estratéxico para a economía galega e española
ABANCA presentou esta mañá en Vigo ABANCA Mar, unha nova unidade de negocio especializada no sector pesqueiro, desde a que ofrecerá un servizo especializado e personalizado que abarcará toda a cadea de valor do mar.
O banco deu a coñecer a nova unidade no marco da Feira Internacional de Produtos do Mar (Conxemar) ante máis dun cento de empresarios e representantes do sector. Durante o acto, o director de Banca de Pemes e Empresas, Víctor Casal Antón, resaltou que “ABANCA Mar achega ao conxunto do sector pesqueiro proximidade, especialización e unha oferta financeira integral e personalizada para atender as particularidades dos distintos segmentos: desde o armador, estaleiro ou mariñeiro, a cooperativa de produtores e industria transformadora, ata as empresas comercializadoras e distribuidoras dos produtos”. Tamén asistiu á presentación o director de Red Comercial, Gabriel González Eiroa.
Desde xuño de 2015, ABANCA prestaba servizo a este segmento de clientes a través da súa unidade ABANCA Agro e Mar, na que a entidade financeira concentraba a súa actividade vinculada ao sector primario. A boa acollida que esta iniciativa tivo entre as empresas do sector, o crecemento experimentado nesta liña de negocio e a potencialidade de toda a cadea de valor do mar levaron agora á entidade a dar un paso máis e desglosar a unidade en dúas divisións diferenciadas, unha para o sector agrogandeiro e outra para o mar.
ABANCA Mar prestará servizo ao sector marítimo e pesqueiro a través dunha rede de proximidade formada por 160 oficinas, repartidas en distintas zonas da costa galega. Conta cun equipo de 235 profesionais –coordinados por oito axentes de zona- especializados nas solucións financeiras mellor adaptadas ás características do sector pesqueiro e á súa industria auxiliar.
ABANCA Mar presenta unha ampla variedade de produtos e servizos financeiros, específicos e deseñados ‘ad hoc’ para cubrir as distintas necesidades do sector (circulante, administración e financiamento de facturas, préstamos a curto e medio prazo, préstamos para investimentos, comercio exterior, servizos de mercado de capitais, etc.). “Na oferta destaca o Préstamo Campaña Mar, un novo produto sen xuros e en condicións especiais que ofrece ás empresas e profesionais financiamento a curto e medio prazo para atender os gastos relacionados co ciclo produtivo da súa actividade”, apunta o director de ABANCA Mar, Javier Fraga Díaz. Outros dos produtos máis diferenciais que ofrece ABANCA Mar ao sector son Confir-Mar, un servizo de pago a provedores con opcións de financiamento tanto para o empresario como para o seu provedor, e a Hipoteca Naval, destinada a financiar a construción de buques.
ABANCA, co sector pesqueiro
O investimento crediticio de ABANCA para actividades vinculadas ao sector marítimo e pesqueiro supera os 1.100 millóns de euros, cun crecemento do 6% no último trimestre. A entidade financeira proporciona servizos financeiros na actualidade a máis de 21.000 clientes pertencentes á cadea de valor do mar e xestiona un volume de negocio neste ámbito de 1.900 millóns de euros. Ademais, mantén acordos de colaboración en materia financeira con máis de 20 axentes do sector en Galicia.