ABANCA crece en Asturias un 60% en crédito e supera os 500 millóns en carteira de investimento
ABANCA medrou en Asturias un 60% en cota de crédito e logrou superar os 500 millóns en carteira de investimento, de acordo cos informes analizados este venres 27 de febreiro en Oviedo polo seu Consello de Administración. O órgano de goberno da entidade financeira aprobou na reunión un plan para reforzar o seu posicionamento no Principado. A entidade incrementou en 88 puntos básicos a súa cota de mercado de investimento no Principado entre marzo de 2013 e setembro de 2014 (último período dispoñible do sector).
Os tres máximos executivos da entidade, o presidente, Javier Etcheverría; o vicepresidente, Juan Carlos Escotet Rodríguez, e o conselleiro delegado, Francisco Botas, mantiveron o xoves un encontro de traballo cun nutrido grupo de empresarios do Principado. Durante a reunión, os directivos de ABANCA expuxeron os principais eixos estratéxicos do banco na súa nova etapa e subliñaron o compromiso da entidade co tecido empresarial asturiano.
ABANCA cerrou o exercicio 2014 en Asturias cun incremento do seis por cento no saldo de investimento. Os crecementos máis relevantes corresponderon a novas operacións de crédito a empresas e ás formalizacións de préstamos ao consumo. A captación de recursos de ABANCA creceu un 10% durante o pasado exercicio. Os maiores incrementos rexistráronse en depósitos a prazo (11%) e, fóra de balance, en fondos de investimento (49%) e plans de pensións (19%).
Asturias conforma, xunto con Galicia e León, a área principal de negocio de ABANCA, que aspira a converterse na entidade de referencia no norte peninsular. O banco conta con 13 oficinas nesta Comunidade Autónoma.
ABANCA prevé seguir mellorando durante os próximos anos o seu posicionamento en Asturias a través do crecemento do negocio minorista, con especial foco na concesión de crédito. O plan de negocio da entidade contempla incrementos en novas hipotecas, préstamos ao consumo e crédito empresarial.