ABANCA culmina a reorganización da súa carteira de participadas
ABANCA desenvolverá nos próximos meses a segunda e definitiva fase do proceso de reorganización da súa carteira de participadas. Esta operación, que afectará a 60 sociedades, completará o modelo organizativo baixo o cal o banco xestionará a súa carteira nos próximos exercicios. Tras a súa culminación, o banco disporá dunha estrutura máis sinxela para a xestión das súas participadas: as non-inmobiliarias quedarán encadradas na Corporación, mentres que as inmobiliarias dependerán da División Inmobiliaria (Grupo Inmobiliario).
Incluíndo as meramente instrumentais, a carteira de participadas do banco comprende 180 sociedades pertencentes a unha vintena de sectores. Na actualidade 90 delas están situadas societariamente baixo o paraugas da súa Corporación, denominada ABANCA Corporación Industrial e Empresarial. Outras 70 colgan directa ou indirectamente do banco, aínda que tamén son xestionadas pola Corporación. Os 20 restantes dependen e son xestionadas pola División Inmobiliaria.
Obxectivos: sinxeleza e eficiencia
A reordenación simplificará a actual estrutura e situará a maior parte das participadas baixo dúas únicas sociedades holding: ABANCA Corporación Industrial e Empresarial para as compañías non inmobiliarias, e ABANCA Corporación División Inmobiliaria para as sociedades inmobiliarias. “Consideramos que este modelo organizativo, máis especializado e eficiente, é o máis adecuado para a xestión da nosa carteira, xa que permite distinguir claramente entre a actividade puramente bancaria e a actividade de tenencia de participadas”, sinala Juan María Hernández, director xeral de Desenvolvemento de Activos Singulares, unidade na que están encadradas tanto a Corporación como a División Inmobiliaria.
O proceso articularase a través de dúas ampliacións de capital non dinerarias polas que ABANCA traspasará á Corporación e á División Inmobiliaria senllos paquetes de sociedades. Baixo a Corporación quedarán situadas un total de 110 sociedades. Dentro da División Inmobiliaria, e xestionadas por ela, estarán situadas 30.
A reorganización implica a desaparición de varias sociedades vehículo, o que simplificará o mapa societario do grupo.
Quedarán fóra de ambos holdings 40 participacións de tres tipos: 1) sociedades de carácter institucional (entidades empresariais ou sectoriais), 2) sociedades directamente relacionadas coa operatoria da entidade financeira no seu negocio bancario e parabancario (medios de pago, xestión de fondos, etc.), e 3) outras participadas sen actividade relevante. Todas elas estarán ubicadas dentro do banco de maneira directa, aínda que tamén serán xestionadas pola Corporación.
Este proceso terá efectos unicamente organizativos e non suporá cambios sobre o modelo de negocio e xestión das participadas de ABANCA. O plan estratéxico do banco está orientado cara á banca minorista tradicional para empresas e familias.
Desde xuño de 2012, data de inicio do seu plan de desinvestimentos, ABANCA realizou un total de 67 operacións de desinvestimento en participadas. O importe de vendas total sitúase en 317,4 millóns de euros, 108 millóns de euros por encima do obxectivo marcado pola entidade.