ABANCA dá un impulso á campaña das axudas da PAC con ASAJA Castela e León
- O banco amplía o convenio que mantén coa asociación de agricultores e gandeiros para axilizar o cobro das axudas comunitarias
- As dúas entidades analizan as necesidades do sector e acordan novas fórmulas de financiamento para modernizar explotacións, impulsar a sostibilidade ou facer fronte aos gastos de campaña
ABANCA afianza o traballo conxunto que desenvolve no sector primario da rexión coa Asociación de Jóvenes Agricultores (ASAJA) de Castela e León e firma un novo convenio de colaboración. O acto de renovación e ampliación do texto tivo lugar esta mañá e supón unha nova mostra do compromiso que a entidade financeira mantén co mundo do campo, xusto agora que afronta un dos momentos clave da campaña coa tramitación das axudas comunitarias.
Na rúbrica do acordo, que tivo lugar en Valladolid, participaron o director territorial de ABANCA en Castela e León-Asturias, Marcos Lamas, e o presidente de ASAJA Castela e León, Donaciano Dujo. Este novo texto amplía a toda a comunidade a colaboración e permite seguir traballando en ofrecer unha resposta a medida dos agricultores, con produtos adaptados ao negocio do campo e xestores especificamente formados. É por iso que ABANCA conta desde hai cinco anos cunha unidade adaptada ás necesidades do segmento, ABANCA Agro, representada en Castela e León polo seu coordinador Alfonso García.
Con esta nova liña de traballo conxunto, os profesionais do campo asociados a ASAJA Castela e León accederán a unha tramitación integral das axudas da PAC. Ademais, se así o desexan, poderán anticipar ata o 90% do importe da axuda dunha maneira máis sinxela e rápida e sen xuros. As opcións da entidade financeira para acceder a financiamento flexible e áxil complétanse tamén con outros anticipos para facer fronte aos gastos de campaña ou avanzar o cobro de axudas ou impostos.
Produtos a medida para os desafíos do sector
Pero o foco deste convenio está posto tamén na mellora competitiva das explotacións agrarias e o impulso da implantación das tecnoloxías máis comprometidas coa sostibilidade. Nesta liña enmárcanse unha batería de produtos identificados polas dúas entidades e que responden ás necesidades do sector en Castela e León.
É o caso do préstamo persoal ou leasing para o sector agrogandeiro, cun prazo moi amplo que pode chegar ata os 12 anos no caso do préstamo. Entre as finalidades máis habituais deste produto contémplase a renovación ou adquisición de maquinaria, a modernización dos cultivos ou a implantación de enerxías renovables.
De igual maneira, actívase unha póliza de crédito específica do sector que permite dar resposta ás necesidades de liquidez da actividade e que pode estenderse ata cinco anos. Todo iso sen esquecer outras fórmulas de crédito como liñas de comercio exterior, confirming, factoring, avais ou liñas de desconto.