ABANCA Deporte Base arrinca a súa cuarta tempada con máis de 14.600 deportistas novos beneficiados
- A entidade financeira presenta as cifras dun programa que se consolida como un referente en Galicia de impulso ao deporte de base
- O banco lanza unha campaña en medios para difundir os valores do deporte non profesional na que participan preto de 130 nenos e nenas de oito clubs de alta competición de Galicia
- O programa ABANCA Deporte Base medra con novas propostas como un ciclo de charlas con deportistas galegos de elite en institutos que arrincará nas vindeiras semanas
Descarga los contenidos anexos
ABANCA fai balance do seu programa dirixido a promocionar o deporte entre os máis novos, ABANCA Deporte Base, xusto cando arrinca a súa cuarta tempada. A entidade financeira deu a coñecer hoxe en Santiago de Compostela as principais magnitudes desta iniciativa, nun acto no que participou o presidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet Rodríguez, e a Secretaria Xeral para o Deporte, Marta Míguez, e ao que asistiron un centenar de deportistas novos, adestradores e responsables dos clubs beneficiados.
A última convocatoria deste programa converteuse na máis ambiciosa desde a súa creación e son xa 1.325 equipos os que reciben axudas de ABANCA. Estes conxuntos, procedentes de ata 25 deportes diferentes, agrupan a un total de 14.611 deportistas novos inscritos.
Desde a súa presentación en febreiro de 2015, unha das principais liñas de actuación do programa ABANCA Deporte Base é a colaboración coa Fundación Deporte Galego. A entidade financeira aporta anualmente 726.000 euros aos clubs que se inscriben e cumpren os requisitos. Un proceso totalmente transparente e que ofrece apoio económico a través dunha clasificación con baremos claros e criterios técnicos.
Precisamente estes deportistas novos son os protagonistas da nova campaña publicitaria do programa ABANCA Deporte Base pensada para difundir os valores do deporte a toda a sociedade. Nela, un total de 130 nenos e nenas dan a coñecer as boas accións que se desenvolven a diario nos recintos deportivos e a súa aposta por valores como a perseveranza, o xogo limpo, a convivencia, o compromiso, a igualdade, o traballo en equipo, o recoñecemento, a humildade, o afán de superación e o compañeirismo.
Estes deportistas novos pertencen a oito clubs de toda Galicia e de distintas disciplinas: Sociedad Deportiva Tirán (Moaña), Club Atletismo “Ría Ferrol” (A Malata), Club de Rugby Arquitectura Técnica de A Coruña C.R.A.T. (A Coruña), Club Balonmano Porriño, Club Peluquería Mixta Friol (Lugo), Club Ourense Baloncesto COB (Ourense), Arteal Tenis de Mesa (Santiago) e Club de Voleibol Cabo de Cruz (Boiro).
A campaña chegará nos próximos días aos medios a través de diversas pezas protagonizadas por estes deportistas, coa intención de trasladar ao receptor o día a día dos seus protagonistas e así coñecer as súas experiencias deportivas.
O programa ABANCA Deporte Base colle un novo impulso
Pero as novidades presentadas no acto celebrado no Auditorio ABANCA Santiago sobre o programa non acaban só aí. O programa ABANCA Deporte Base iniciará nas vindeiras semanas unha segunda liña de actuación que se traduce nunha serie de encontros con deportistas de elite. A iniciativa, que conta co apoio de Afundación, percorrerá diversos institutos de Galicia e permitirá aos máis novos coñecer a experiencia dos profesionais e preguntarlles as súas dúbidas.
O programa incluirá tamén visitas aos clubs para coñecer as súas necesidades e a publicación do conto A nena que quería voar, que narra a historia dunha rapaza saltadora que cumpre o seu soño con traballo en equipo e perseveranza. O programa ABANCA Deporte Base forma parte do plan estratéxico de patrocinios da entidade e está centrado no apoio ás canteiras dos clubs deportivos e ao fomento do deporte en idade escolar.