ABANCA deseña novas solucións de crédito para afrontar os retos das confrarías do sur da Coruña
- O banco dá continuidade ao convenio de colaboración que mantén cos principais pósitos do norte da ría de Arousa, a ría de Muros-Noia e a Costa da Morte
- A entidade financeira presenta o seu catálogo de produtos para facer fronte a situacións recorrentes como descensos de produción, mortaldade de especies ou episodios meteorolóxicos extremos
- Temas transversais como a renovación da frota, o impulso da sostibilidade ou o relevo xeracional tamén centran a axenda do encontro
ABANCA avanza na súa aposta polo sector pesqueiro no sur da provincia da Coruña e reimpulsa a colaboración que mantén con 17 pósitos desta demarcación xeográfica. O director territorial de ABANCA en Santiago, Juan Carlos Carneiro, e o director de ABANCA Mar, Javier Fraga, foron os encargados de conducir un encontro na capital galega que serviu para facer balance do apoio da entidade bancaria a este colectivo e trazar as liñas de traballo co mundo do mar.
O acto, ao que tamén asistiron outros membros do equipo comercial do banco, permitiu estreitar lazos e renovar os convenios de colaboración que ABANCA mantén con estas confrarías. A esta iniciativa sumáronse os pósitos da Pobra do Caramiñal, Cabo de Cruz, Camariñas, Camelle, Carreira e Aguiño, Corcubión, Fisterra, Lira, Muros, Muxía, Noia, O Pindo, Palmeira, Porto do Son, Portosín, Rianxo e Ribeira.
Esta cita, xa consolidada no calendario de colaboración da entidade financeira e os pósitos, permitiu abordar os puntos de maior preocupación para un sector que está a vivir un momento clave, xa no inicio da campaña de Nadal. O banco aposta unha vez máis por ofrecer solucións áxiles aos retos máis salientables e por manter un diálogo fluído para afrontar novos retos.
Máis produtos, máis adaptados
ABANCA articula a súa resposta a través dun catálogo de produtos e servizos especializados, que inclúe unha ampla gama de alternativas adaptadas. Con isto, o banco pretende colaborar co sector fronte a baixadas de produción, paros biolóxicos ou episodios climáticos extremos, pero tamén ante retos transversais como a aposta pola sostibilidade, a renovación da frota ou o relevo xeracional.
Para iso, as confrarías e os seus membros contarán con pólizas de crédito específicas para o sector. Ademais, contémplanse outras solucións, como anticipos de axudas, aprazamentos de impostos ou liñas de desconto, que permitirán reducir o impacto da diminución da produción. Esta oferta complétase con outras opcións destacadas como avais ou seguros especializados, entre outras.