ABANCA desenvolve alternativas de financiamento para axilizar os cobros dos mexilloeiros de Opmega
- O conselleiro delegado da entidade, Francisco Botas, visita a sede da organización en Vilagarcía para presentar un novo produto de factoring
- A entidade financeira responde ás demandas dos mexilloeiros cun produto que reduce os trámites e simplifica a obtención de liquidez
- O banco contribúe a mellorar a competitividade dun colectivo que representa máis do 23% da produción de mexillón en Galicia
ABANCA avanza no seu compromiso co sector pesqueiro e o tecido produtivo das comarcas costeiras de Pontevedra e do sur da Coruña tras poñer en marcha unha modalidade de financiamento que se adapta ás particularidades dos mexilloeiros de Opmega. O banco responde así ás demandas da organización de referencia no sector en Galicia e habilita unha nova fórmula de crédito máis sinxela e máis rápida para o colectivo.
A presentación tivo lugar esta mañá na sede de Opmega en Vilagarcía e contou coa participación do conselleiro delegado de ABANCA, Francisco Botas, e do presidente de Opmega, Ricardo Herbón. Ao acto tamén asistiron a directora territorial de ABANCA en Pontevedra, Carmen Fernández, o vicepresidente Juan Fungueiriño e o director de Operaciones de Opmega Lino Suárez, así como outros membros das 11 asociacións que integran Opmega, e responsables do banco na zona de influenza. Trala presentación, o conselleiro delegado de ABANCA visitou as instalacións da organización mexilloeira na localidade arousá.
Desde este momento, os preto de 540 mexilloeiros que engloba Opmega, na súa maioría autónomos e pequenas empresas, poderán avanzar o cobro das súas facturas grazas a unha liña de factoring subscrita entre ABANCA e a organización. Trátase dunha fórmula de liquidez confeccionada a medida e case inmediata, na que se simplificaron os trámites para primar o anticipo de crédito. Vai permitir que o colectivo poida facer fronte aos gastos correntes e gañe en estabilidade.
Impulso ao mundo do mar
Con esta operación, ABANCA redobra o seu compromiso co mundo do mar e toda a cadea de valor do segmento, ata consolidarse como o socio financeiro de referencia para os mexilloeiros de Opmega. O banco mantén un estreito traballo con numerosos axentes do sector para adaptarse ás súas necesidades de crédito e contribuír á mellora da competitividade dunha das actividades económicas máis relevantes de Galicia, tanto de maneira directa como a través da súa industria transformadora e auxiliar.
A entidade financeira toma o pulso das necesidades do sector grazas á súa unidade especializada ABANCA Mar, presentada en Conxemar en 2016. Desde ese momento, a súa oferta de valor completouse cun catálogo específico para o segmento e xestores altamente formados nas necesidades do colectivo. Ademais, desenvolveu alternativas de financiamento a medida dos desafíos do mundo do mar, como a renovación da flota ou os paros biolóxicos.
Pola súa parte, Opmega é a agrupación de produtores máis relevante e a maior comercializadora de mexillóns de Galicia. Nada a mediados dos oitenta, representa a pequenos produtores con case 800 bateas nas rías de Vigo, Pontevedra, Arousa e Muros-Noia. Unha das impulsoras da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia, concentra o 23,3% da produción deste molusco en Galicia e o 11,6% na Unión Europea.