ABANCA desprega o seu novo modelo de oficina máis especializada en Porriño
- A oficina situada a rúa Ramón González sufriu unha reforma integral para adaptala ao novo modelo comercial do banco
- A de Porriño convértese nunha das oficinas de referencia da entidade na provincia de Pontevedra
ABANCASerás redirixido a outro sitio web transformou a súa oficina principal en Porriño, situada en rúa Ramón González, para adaptala ao novo modelo comercial do banco e convertela nunha das sucursais de referencia da entidade na provincia de Pontevedra.
O local da rúa Ramón González, de máis de 400 metros cadrados, foi reformado integramente para implantar o novo modelo de oficina que ABANCA está a incorporar na súa rede comercial. A oficina conta con máis de 10.000 clientes entre particulares e empresas.
Especialización
Con este novo deseño, a entidade pretende mellorar a calidade de servizo ao cliente a través dunha atención máis eficiente, áxil, personalizada e especializada. A organización da oficina posibilita un cambio cualitativo na especialización da oferta da entidade, na súa aposta por unha atención máis personalizada e por dar respostas adaptadas a cada segmento de clientes. A nova oficina conta cun equipo de 15 profesionais, entre os que figuran xestores especializados en negocios, xestores de banca persoal e xestores previsión e planificación social.
A sucursal ten agora espazos máis abertos, modernos e transparentes, cun forte compoñente tecnolóxico e de imaxe. Carece de despachos, e os espazos adáptanse en función do servizo que se preste ao cliente.
O novo deseño contempla sete mesas de atención personalizada ao cliente e dúas salas de reunións, que outorgan unha maior privacidade. Por último, a oficina conta con catro postos de atención transaccional para a operativa en efectivo e as tarefas máis administrativas. O equipo da oficina dispón de tabletas Microsoft Surface, que permiten unha total mobilidade para dar unha mellor resposta ás demandas dos clientes.
Grazas a esta reforma, increméntase a dotación de caixeiros automáticos da oficina. As novas instalacións albergan na entrada un ‘Pool de autoservizo 24 horas’ con caixeiros de última xeración que, ademais de retiradas, permitirán realizar ingresos en firme, pagos de recibos en efectivo e outras operativas con moedas.
O novo modelo de oficina implantado tamén permite gañar en axilidade á hora de realizar as operacións máis habituais, así como en oferta de servizo a disposición dos clientes. As instalacións, dotadas cunha rede WIFI gratuíta, contan cun xestor de benvida, un dispositivo que acolle e informa o cliente para que, se o desexa, poida seleccionar a operación e profesional polo que desexa ser atendido, á vez que racionaliza os tempos de espera.
Liderado consolidado
Con esta nova actuación, ABANCA potencia a súa posición de liderado en Porriño, con tres oficinas -dous para particulares e negocios e outra especializada en empresas-, e tamén na área metropolitana de Vigo, zona na que presta servizo con preto dunha vintena de oficinas.
ABANCA conta coa maior rede de oficinas e xestores en Galicia, cunha oferta que cobre a máis do 98% da poboación. En 94 municipios da comunidade, ABANCA é o único banco con servizos financeiros. Na provincia de Pontevedra, a cobertura da entidade financeira chega ao 99,8% da poboación.