ABANCA destina 200 millóns ao financiamento das empresas dos polos industriais da área de Vigo
- A entidade financeira estreita a súa colaboración cos principais polígonos do sur da provincia de Pontevedra para abordar o desafío que supón o impacto da pandemia no tecido produtivo
- O banco deseña produtos e servizos adaptados ás necesidades pos-COVID-19 e ofrece alternativas para impulsar proxectos ante a chegada dos fondos Next Generation da UE
- A reunión habitual cos representantes destes polos transfórmase en encontros máis reducidos, onde coñecer as necesidades xerais e particulares de cada área
Descarga los contenidos anexos
ABANCA renova a estreita colaboración que mantén coas principais áreas industriais de Vigo e a súa área de influenza e dá un novo impulso ao seu convenio financeiro nun momento especialmente crítico para o tecido produtivo. O banco compromete 200 millóns de euros en financiamento, ampliables noutros 100 millóns, como resposta ante as peticións das empresas que se agrupan nestes espazos de innovación e emprego do sur da provincia de Pontevedra.
Con esta inxección de financiamento, ABANCA reforza a viabilidade das empresas que se emprazan nos principais polos industriais de Vigo, O Porriño, Mos, Nigrán, Tui, Gondomar e Salvaterra. Este ano as restricións transformaron a habitual reunión con todos os representantes das áreas industriais en encontros máis reducidos. O director territorial de ABANCA en Vigo, Walter Álvarez, así como distintos directores de zona e de oficina e xestores especializados no segmento participaron en diversas reunións con Roberto Cavallo, presidente da Asociación de Empresarios Parque Tecnolóxico e Loxístico de Valadares; Giorgio Casoni, presidente da Asociación Empresarial Areas de Tui; Javier Díaz, presidente da Asociación de Empresarios A Pasaxe; Santiago Gomara, presidente da Asociación de Empresarios As Gándaras; Manuel Castro, presidente da Asociación de Empresarios de Mos (que agrupa os polígonos mosenses da Veigadaña e O Rebullón); Indalecio Cuevas, presidente da Entidade Urbanística de Conservación A Granxa; Juan Carlos Lemos, presidente da Asociación de Propietarios e Empresarios do Polígono Chan da Ponte de Salvaterra e David Regades, delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo (en representación das áreas industriais de Balaídos, Porto do Molle en Nigrán e Área Portuaria de Bouzas).
Destes encontros, o banco puido coñecer de preto cales son os problemas globais que comparten todas as áreas industriais, moi marcados pola situación sanitaria e económica derivada da pandemia de COVID-19. Pero tamén permitiu achegarse ás súas realidades particulares e aos desafíos aos que se enfrontan as empresas nas súas contornas e sectores.
Co foco posto na recuperación
Por todo iso, estes 200 millóns comprometidos en crédito tradúcense en produtos destinados ás necesidades da actividade diaria, pero tamén para impulsar investimentos que permitan mellorar a competitividade das empresas ou atraer novas ideas empresariais. Trátase dun financiamento flexible, con amplos prazos de amortización, con posibilidade de introducir carencias e adaptada ás necesidades de cada cliente, con especial relevancia dos programas oficiais a través do ICO e do Igape.
As empresas destas áreas industriais disporán de préstamos e leasing mobiliario para impulsar os investimentos, pero tamén de produtos orientados ás súas necesidades correntes, como pólizas de crédito, anticipos, liñas de desconto comercial ou avais, segundo as súas necesidades. Todo iso sen esquecer fórmulas de financiamento específicas para impulsar os intercambios comerciais con outros países. En resumo, un catálogo integral con respostas ás demandas do tecido produtivo do sur de Galicia, xusto nun momento clave no que se traballa nas necesidades pos-COVID-19 e nos proxectos que se poderán enmarcar nos fondos Next Generation da UE.
O banco afina así a súa proposta de valor para as empresas dunhas áreas industriais que son claves non só na contorna de Vigo, senón tamén para o desenvolvemento do tecido produtivo de Galicia. ABANCA achega na súa proposta de valor unha oferta a medida construída desde a proximidade e un amplo equipo de xestores especializados nas necesidades do colectivo.