ABANCA destina 3 millóns á Fundación Deporte Galego para apoiar a un centenar de clubs e 15.000 deportistas
- O banco impulsa a súa faceta social investindo en valores que potencian o traballo en equipo, a deportividade ou a consecución de metas
ABANCA é a Patrocinadora Oficial do Plan de Patrocinio dos Equipos de Alta Competición de Galicia, tras a sinatura do acordo de colaboración subscrito coa Fundación Deporte Galego. A firma supón unha achega de ABANCA de tres millóns de euros para os próximos cinco anos, tal e como recolle o convenio asinado. Un total de 100 clubs galegos, un milleiro de equipos, case 15.000 federados de 22 especialidades deportivas diferentes e deles 10.000 nenos e nenas pertencentes á canteira dos clubs poderán beneficiarse do acordo.
O apoio de ABANCA terá como obxectivo os equipos de alta competición incluídos nos programas da Fundación que contan con equipos en categoría base, estimándose que esta medida alcanzará a máis de 10.000 nenos e nenas de Galicia.
Por parte de ABANCA, o seu vicepresidente Juan Carlos Escotet Rodríguez cualificou o acordo “como un fito no deporte galego e un forte impulso ao deporte base que reforza o compromiso de ABANCA coa promoción de valores socialmente responsables”. Escotet Rodríguez afirmou que “ABANCA da un empurrón á práctica do deporte base en Galicia, comprométese coa cultura do esforzo e redobra a súa aposta polo desenvolvemento persoal e académico dos nenos e nenas galegos a través dos valores vinculados a actividades deportivas”.
Durante a firma do acordo, o secretario xeral para o Deporte, e vicepresidente da Fundación Deporte Galego, José Ramón Lete Lasa, agradeceu a ABANCA o seu compromiso co deporte galego, e a súa especial sensibilidade para participar nesta actuación.
A representación dos deportistas recaeu na xogadora de fútbol sala Vanessa Sotelo, recentemente nomeada Mellor Deportista de Galicia 2014. A xogadora agradeceu a colaboración de ABANCA no programa e destacou “aa importancia vital que estes cordos teñen para os deportistas de base”.
O Plan de Patrocinio dos Equipos de Alta Competición de Galicia
O Plan de Patrocinio dos Equipos de Alta Competición de Galicia é un programa posto en marcha pola Fundación Deporte Galego na temporada 2009/2010 que, neste exercicio 2015, está dotado con 2.420.000 euros e vai destinado a máis dun centenar de equipos, o que supón un 26% de incremento tanto no orzamento como no número de equipos respecto do ano pasado.
Desde o seu inicio en 2009, a Fundación patrocina os principais equipos galegos con máis de dez millóns de euros, chegando neste exercicio a 15.000 deportistas e 22 especialidades deportivas: atletismo, bádminton, baloncesto, balonmán, béisbol, bolos, ciclismo, esgrima, fútbol, fútbol sala, halterofilia, hóckey herba, hóckey liña, hóckey patíns, baloncesto en cadeira de rodas, piragüismo en pista, kaiak polo, remo, rugby, tenis de mesa, tríatlon e voleibol.
Un proceso transparente
O sistema de adxudicación do Plan establece ata 14 criterios obxectivos que xeran unha cualificación numérica para cada club e que ofrece unha puntuación única. Entre eles, destacan o número de competicións nas que participen, as licencias coas que conten, o ámbito das ligas ou a traxectoria nas últimas temporadas.
Unha vez determinada a cualificación de cada conxunto, seleccionaranse os equipos que contarán co apoio da entidade financeira galega, que formalizará acordos individuais con cada un dos clubs que participan nesta convocatoria.