ABANCA distingue a traxectoria de 250 profesionais con máis de 25 anos de traballo na entidade
- O persoal homenaxeado recibiu insignias conmemorativas de mans do presidente, Juan Carlos Escotet Rodríguez; o conselleiro delegado, Francisco Botas, e membros do Comité de Dirección
ABANCA entregou hoxe 250 de insignias de prata a outros tantos empregados que cumprían 25, 30 ou 35 anos de traballo na entidade. O acto, celebrado no Auditorio ABANCA de Santiago de Compostela, contou coa presenza do presidente da entidade, Juan Carlos Escotet Rodríguez, o conselleiro delegado, Francisco Botas, e os directivos do Comité de Dirección.
Juan Carlos Escotet Rodríguez transmitiu aos homenaxeados o recoñecemento polos máis de 25 anos de traballo na entidade. “Estade seguros de que, sen vosoutros, sen o voso traballo e sen a vosa experiencia, hoxe non seríamos a entidade solvente, rendible e responsable que somos”, afirmou o presidente de ABANCA.
Pola súa banda, Francisco Botas agradeceu aos profesionais da entidade a súa dedicación durante todos estes anos. “O equipo, as persoas, sempre foron algo prioritario para ABANCA. Queremos que ABANCA sexa un bo lugar para traballar, un lugar que atraia e reteña talento”, sinalou.
Máis de 7.350 anos de experiencia acumulada
Os 250 profesionais distinguidos este ano por ABANCA (89 da Dirección Territorial de Vigo e dos servizos centrais, 51 da Dirección Territorial de A Coruña e os servizos centrais, 32 da DT Pontevedra, 24 da DT Ourense, 20 da DT Santiago, 12 da DT Lugo, 15 da DT Centro-Leste e dos servizos centrais de Madrid, 2 da DT Asturias/León, 3 de ABANCA Portugal e 2 da oficina de Suíza) suman no seu conxunto máis de 7.350 anos de experiencia profesional na entidade financeira galega.
Os homenaxeados recibiron de mans dos principais directivos da entidade as insignias conmemorativas en recoñecemento aos seus 25, 30 ou 35 anos de dedicación. Durante o acto, os profesionais recoñecidos estiveron arroupados polos seus familiares, así como por responsables das distintas direccións territoriais, rede comercial e capital humano da entidade.