ABANCA doa ao Sergas sete equipos de última tecnoloxía para monitorizar pacientes polo COVID-19
- O material facilita o seguimento simultáneo, individualizado e continuo de até 1.200 pacientes
- Desde o inicio da pandemia, o banco reforzou o sistema sanitario público galego con máis de 500 equipos de altas prestacións como unidades de coidados intensivos e lectores clínicos para realizar test, entre outros
ABANCA amplía a doazón de equipos sanitarios ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) para facer fronte á crise ocasionada pola COVID-19. A entidade financeira acaba de adquirir sete equipos de monitorización central dirixidos a xestionar, dunha maneira máis eficiente, o eventual incremento de pacientes que se poida producir nos hospitais galegos.
Cada central que se instala leva asociada dúas estacións de traballo, a través das que os servizos médicos operan os datos da central. As estacións poden ser colocadas en puntos distintos dos hospitais. Foron instaladas nos hospitais de Vigo (Álvaro Cunqueiro); de Lugo (Lucus Augusti); de Ferrol (Arquitecto Marcide); de Pontevedra, e da Barbanza (Ribeira). Nos próximos días entrarán en funcionamento nos hospitais da Coruña e da Mariña (Burela).
A compra destes novos equipos, de última tecnoloxía, foi acordada co Sergas, e responde ás necesidades do sistema sanitario. A experiencia adquirida na fase máis crítica da pandemia revelou o importante desafío que supón a monitorización continuada dun colectivo amplo de pacientes con equipos profesionais axustados. A función desta dotación tecnolóxica suple esta limitación, xa que permite monitorizar de maneira simultánea até 1.200 pacientes.
Os equipos de monitorización central facilitan xeneralizar as medidas que se adoptan, sen perder o seguimento individualizado de cada paciente e tomar decisións máis áxiles. Isto é especialmente relevante porque mellora a eficiencia dos equipos médicos, ao simplificar tarefas e liberar tempo aos profesionais da primeira liña de resposta. A monitorización central permite seguir e documentar indicios de deterioración de maneira máis óptima, e reduce o risco de fornecer exceso de osíxeno e de xerar falsas alarmas de arritmia. A compra destes sete equipos de monitorización central súmase ás doazóns de tecnoloxía que realizou ABANCA ao Sergas para as sete áreas sanitarias de Galicia. O banco anunciou a finais de marzo a doazón de 150 unidades de coidados intensivos, unha compra que durante o mes de abril incrementouse con 364 dispositivos máis. Este segundo lote incluíu monitores multiparamétricos, monitores de constantes vitais, desfibriladores e ecógrafos de alta prestación, para así dotar as UCI dos hospitais galegos de todo o material necesario para a atención ao paciente. En maio, a entidade financeira sumou catro lectores clínicos capaces de analizar 25.000 test diarios de COVID-19.