ABANCA e a Cámara de Comercio de Oviedo asinan un convenio de apoio aos emprendedores
- Os asociados optarán á contratación de produtos financeiros específicamente deseñados para o colectivo, con condicións melloradas
ABANCA e a Cámara de Comercio de Oviedo veñen de asinar un convenio de colaboración para o desenvolvemento de diversos proxectos conxuntos. A entidade financeira colaborará coa entidade cameral a través dun programa de bolsas a emprendedores que utilicen as instalacións do ente asturiano, tanto na súa sede principal como no vivero de empresas José Antonio Coto, en Olloniego.
O convenio foi asinado na Cámara de Comercio polo presidente de la institución, Fernando Fernández-Kelly e polo director de Banca Institucional de ABANCA, Santiago Novoa García. No citado acordo facilítase que os emprendedores accedan a condicións melloradas na contratación de diversos produtos financeiros como pólizas de crédito, préstamos persoais e hipotecarios, leasing mobiliario, avais ou liñas de desconto. O documento rubricado recolle a creación específica de modalidades de produtos de financiamento para “novos investimentos”, “emprendedores”, “creación de emprego” ou “desenvolvemento formativo ou profesional”.
Como novidade, este convenio inclúe a adhesión ao Programa Cero comisións de ABANCA, que permite a autónomos e micro pemes beneficiarse da exención das comisións da conta, tarxetas e servizos máis usuais a cambio dunha mínima vinculación coa entidade.
A entidade financeira e a institución cameral tamén presentaron unha iniciativa para dar bolsas a emprendedores que desenvolvan o seu proxecto tanto no Viveiro de Empresas José Antonio Coto como na sede da Cámara de Comercio en Oviedo. O programa, que se presentará nos próximos meses, sufragará unha estancia de seis meses, nos que poderán dar forma á súa idea empresarial. Deste acordo entre as dúas entidades tamén se sentan as bases para desenvolver outro tipo de actividades, como xornadas que aborden cuestións de interese para os emprendedores. Estas iniciativas complementaranse co apoio do banco aos proxectos que desenvolve a Cámara de Comercio de Oviedo a través dos seus servizos técnicos en materia de asesoría e acompañamento ao emprendedor para a posta en marcha do seu negocio ou a internacionalización.