ABANCA e a Cámara de Comercio de Tui entregan máis de 9.000 quilos de produtos de primeira necesidade ao Banco de Alimentos de Vigo
- Os alimentos adquiríronse cos donativos reunidos durante a primeira quincena de xuño nunha acción solidaria organizada por ambas as entidades baixo o lema ‘Únete ao proxecto solidario’
- A campaña tamén conta coa colaboración da Asociación de Cultivos do Baixo Miño (AcuBam) e o Cluster do Granito
ABANCA e a Cámara de Comercio de Tui entregaron hoxe ao Banco de Alimentos de Vigo máis de 9.000 quilos de comida, no marco da campaña solidaria de recadación de donativos desenvolta conxuntamente por ambas as entidades baixo o lema ‘Únete ao proxecto solidario’.
A campaña contou coa participación de 30 empresas da demarcación da Cámara de Comercio de Tui. Os traballadores realizaron doazóns de produtos non perecedoiros a favor do Banco de Alimentos de Vigo, á vez que as empresas fixeron o mesmo en forma de doazóns ou por medio de transferencias bancarias para a correspondente adquisición de alimentos. A recollida, que tivo lugar durante a primeira quincena de xuño, superou os 6.000 Kg e as achegas económicas están próximas aos 3.000. euros.
Paralelamente, desde ABANCA, clientes, empregados e colaboradores puideron doar ‘cestas’ solidarias que inclúen produtos de primeira necesidade non perecedoiros como arroz, leite, legumes, pasta ou aceite, e que este ano podían adquirirse a través de doazóns de 5, 10 ou 20 euros. En concreto, a campaña desenvolveuse en once oficinas de ABANCA situadas nos municipios de Tui, O Porriño, Salceda, Tomiño, O Rosal, A Guarda e Oia, todas elas dentro da área de influencia da Cámara de Comercio de Tui. Nesta edición, modificouse lixeiramente o contido destas cestas, atendendo ás necesidades do Banco de Alimentos e co obxectivo de axudar ao maior número de persoas e familias posibles.
Do mesmo xeito que o ano anterior, a campaña contou tamén coa colaboración da Asociación de Cultivos do Baixo Miño (AcuBam), que integra aos viveiros produtores de planta ornamental, horta, flor e industria agroalimentaria en xeral, sector de gran importancia na comarca do Baixo Miño; e o Cluster do Granito, constituído polas empresas relacionadas co sector da pedra natural, un sector estratéxico da demarcación cameral.
O acto de entrega, celebrado nas instalacións do Banco de Alimentos de Vigo, contou coa asistencia de representantes das tres entidades que se mostraron moi satisfeitos cos resultados da campaña, nun proxecto que cada ano consegue un maior número de doazóns.
Banco de Alimentos de Vigo
O Banco de Alimentos de Vigo, creado en 1995, dedica os seus esforzos para loitar contra un dos maiores riscos para a saúde: a fame. Durante 2018, entregou preto de 1,8 millóns de quilos de comida, a través dos 150 colectivos sociais cos que traballa, cubrindo o 35% das necesidades das 25.000 persoas ás que axuda.
Esta iniciativa solidaria que impulsan ABANCA e a Cámara de Comercio de Tui, coa colaboración de AcuBam e o Cluster do Granito, reflicte o forte compromiso e implicación destas entidades coas necesidades da sociedade e, en concreto, co dereito a unha alimentación suficiente, segura e saudable para as persoas en situación de vulnerabilidade.