ABANCA e a Cámara de Comercio de Tui reeditan a campaña para recadar fondos a favor do Banco de Alimentos de Vigo
- As tres entidades impulsan o seu traballo conxunto cunha iniciativa solidaria que se desenvolve desde hoxe e ata o 7 de xuño en dez sucursais do sur de Pontevedra
- O importe recadado entre clientes, empregados e colaboradores servirá para comprar cestas con alimentos de primeira necesidade como arroz, leite, aceite ou purés
ABANCA, a Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Tui e o Banco de Alimentos de Vigo presentaron esta mañá en Tui unha nova edición da súa alianza solidaria. O director territorial de ABANCA en Vigo, Jorge Martínez, o presidente da Cámara de Comercio de Tui, Gumersindo Alonso, e o presidente do Banco de Alimentos de Vigo, Pedro Pereira, detallaron o funcionamento dunha campaña conxunta de recollida de fondos que arranca hoxe mesmo en dez oficinas da entidade financeira.
A iniciativa “Únete ao proxecto solidario” desenvolverase ata o vindeiro 7 de xuño nas sucursais de ABANCA do Porriño, Tui, Tomiño, Salceda, Oia, A Guarda e O Rosal, o dobre de tempo que o ano pasado. Os clientes, empregados e colaboradores que así o desexen poderán realizar un ingreso de 10, 20 ou 25 euros na conta que o Banco de Alimentos de Vigo ten aberta na entidade (ES47 2080 5066 7930 4002 9059). Estas oficinas contarán con materiais publicitarios para incentivar a recollida de fondos.
Cada donativo trocarase por unha cesta con alimentos de primeira necesidade que poderá ser básica, completa ou infantil, dependendo do importe. Estes packs inclúen provisións non perecedoiras como aceite, leite, arroz, conservas, pasta, papas de cereais ou purés, entre outros. ABANCA e a Cámara de Comercio de Tui entregarán ao Banco de Alimentos de Vigo os alimentos nun acto público, unha vez finalice a campaña.
As tres entidades suman novamente as súas forzas tras o éxito da pasada edición, na que se recolleron case 200 litros de leite e aceite, máis de 100 quilos de arroz, un centenar de caixas de papas de cereais e purés infantís, ademais de conservas de peixe e vexetais, legumes e leite infantil.
Simultaneamente ao desenvolvemento desta campaña solidaria, a Cámara de Comercio de Tui instalará tamén caixas do Banco de Alimentos en diferentes empresas asociadas á entidade. Trátase da segunda ocasión na que traballadores da demarcación cameral poderán entregar alimentos. Durante 2015, esta acción solidaria traduciuse en máis de 3.000 quilos de comida non perecedoira entregadas á Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo.
Banco de Alimentos de Vigo
A Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo fundouse no 1994 e, desde entón, realiza unha importante labor como entidade aconfesional, apolítica e sen ánimo de lucro. Durante 2015, a ONG repartiu preto de 1,7 millóns de quilos de comida (1.688.000 quilos), o que representa un 30% máis que en 2014, cando foron máis de 1,3 millóns de quilos (1.345.520 quilos) os entregados aos 150 colectivos sociais da provincia aos que axuda. A través destas entidades benéficas, o Banco de Alimentos de Vigo chega a unhas 25.000 persoas con dificultades na provincia de Pontevedra.
Ademais do Premio Príncipe de Asturias da Concordia de 2012 concedido á Federación Española de Bancos de Alimentos, a nivel local, a fundación foi recoñecida con galardóns como o Premio Vigueses Distinguidos no 2011.