ABANCA e a D. O. Valdeorras reforzan a súa colaboración no inicio da campaña
- O banco responde ás demandas do sector e ofrece unha póliza de crédito que facilita o cumprimento da Lei 12/2013, que esixe o pago da uva en menos de 30 días
- ABANCA incorpora no último mes á súa oferta específica para o sector vitivinícola ás denominacións de orixe Rías Baixas, Monterrei e Ribeira Sacra, ademais de Valdeorras
ABANCA e o Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras renovan a súa colaboración en materia financeira coa firma dun novo convenio. Este texto pretende ser a resposta do banco con sede en Galicia ás principais inquedanzas das adegas e viticultores desta comarca ourensá no inicio da campaña de vendima.
Na firma, que tivo lugar na sede da denominación de orixe en Vilamartín de Valdeorras, participaron o director de Banca Agro e Mar de ABANCA, Jesús Combarro Pereira, e o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, José Vicente Solarat López.
Pagos mais rápidos e flexibles
ABANCA pon o foco no crédito ás adegas da Denominación de Orixe Valdeorras coa firma deste convenio. Para adecuarse ás súas necesidades financeiras, o banco con sede en Galicia ofrece unha póliza de crédito que se pode estender ata cinco anos e que permite compensar as demandas da Lei 12/2013 en materia de cadea alimentaria. Esta regulación esixe pagos nun prazo máximo de 30 días para importes maiores a 2.500 euros e con este produto as adegas poden facer fronte ao pago da uva aos viticultores dunha maneira flexible.
As alternativas de financiamento ás 44 adegas que forman parte desta denominación complétanse con préstamos oficiais, do ICO ou Igape, e fórmulas para acompañar o comercio exterior. Precisamente as vendas fóra de España creceron dun xeito moi relevante nas últimas campañas e permiten consolidar e proxectar a imaxe internacional da denominación.
Opcións de crédito
O texto asinado entre as dúas entidades tamén ofrece respostas en forma de crédito para os viticultores que estas semanas iniciaron a vendima. A carteira de produtos que ofrece ABANCA para os produtores de uva inclúe anticipos de subvencións sen comisións, confirming sobre pagarés de adegas ou financiamento oficial do ICO ou Igape. Os agricultores tamén contarán con asesoramento en materia de seguros, cunha oferta personalizada.
A posta en marcha destas iniciativas de maneira conxunta entre ABANCA e a D.O. Valdeorras chega nun momento decisivo para o sector e pretende ampliar as opcións de financiamento que teñen á súa disposición adegas e agricultores. A entidade financeira arrincou hai unhas semanas un ambicioso plan de crédito especialmente deseñado para o sector vitivinícola da súa zona de influencia e xa sumou recentemente a denominacións de orixe como Rías Baixas, Monterrei e Ribeira Sacra.