ABANCA e a Deputación da Coruña inxectarán un 20% máis de crédito
- Ambas institucións renovan o ‘Plan Activamos’ que permitirá destinar 87 millóns de euros a financiar iniciativas orientadas ao desenvolvemento económico e social
- Ata a data, Deputación e ABANCA apoiaron con crédito máis 3.150 operacións de familias e pemes da Coruña a través do ‘Plan Activamos’
ABANCA e a Deputación da Coruña asinaron esta mañá a renovación do ‘Plan Activamos’, un acordo a través do cal a entidade financeira destinará 87 millóns de euros para financiar iniciativas enfocadas ao desenvolvemento económico e social da provincia, un incremento do 20% con respecto ao ano pasado.
O deputado de Economía, Facenda e Personal da Deputación da Coruña, Antonio Leira, e o director de Banca Institucional de ABANCA, Santiago Novoa García, foron os encargados de asinar a renovación deste convenio que ,ata o de agora, permitiu apoiar con crédito máis de 3.150 operacións de familias e pemes da Coruña.
A través do ‘Plan Activamos’ ABANCA financia, en condicións preferentes con respecto ás estándar do mercado, proxectos relacionados coa formación, a accesibilidade das vivendas, a extensión das novas tecnoloxías, a eficiencia enerxética, o emprendimiento e a creación de emprego. Os produtos de financiamento do ‘Plan Activamos’ contan con tipos de interese bonificados en relación a oferta bancaria actual e sen bandas de fluctuación. Ademais carecen de comisións de apertura, estudo, amortización ou cancelación anticipada, dispoñen de amplos prazos de amortización, e contan con carencias naquelas modalidades nos que o cliente necesita un prazo para situarse en condicións de xerar ingresos.
Máis de 3.150 operacións de financiamento para a provincia
Pemes, micropemes, comerciantes e autónomos foron os principais beneficiarios dos créditos do ‘Plan Activamos’. En total, tramitáronse con estes segmentos 2.652 operacións, que concentran máis do 90% do financiamento concedido na provincia no marco do ‘Plan Activamos’. En canto a familias, preto de 200 familias da Coruña aproveitaron ata o momento tamén as boas condicións deste programa de créditos, principalmente, para financiar obras de mellora enerxética no fogar e actividades formativas. En total, ABANCA tramitou a través do ‘Plan Activamos’ préstamos a familias por un importe global de 2,2 millóns euros na provincia coruñesa.