ABANCA e a Deputación de Ourense presentan unha aplicación móbil para o pagamento de impostos locais
- A App, desenvolvida polo banco, permite aboar os tributos municipais a través do teléfono móbil ou tableta de xeito rápido, sinxelo e sen custo adicional
A Deputación de Ourense e ABANCA presentaron esta mañá unha aplicación informática que permitirá aos contribuíntes o pagamento de impostos locais a través de smartphones ou tabletas, sen custo adicional.
A App foi deseñada e desenvolvida por ABANCA, e está dispoñible dende hoxe mesmo tanto para dispositivos android como iOS co nome de ‘Deputación Ourense’. Este desenvolvemento informático permitirá aos cidadáns aboar cómodamente dende o seu dispositivo móbil os tributos locais que xestione a institución provincial. Únicamente será necesario ter descargada a App e dispoñer dunha tarxeta de débito ou crédito.
Esta iniciativa pretende facer máis doado e accesible o pagamento dos impostos aos ciudadáns co uso das novas tecnoloxías, poñendo para elo á súa disposición canles cunha operatividade de 24 horas ao día os 7 días da semana.
Durante a presentación deste novo servizo, o presidente da Deputación, Manuel Baltar, destacou que esta aplicación para o pagamento dos tributos locais “é un primeiro paso de todo o labor tecnolóxico que o goberno provincial está a desenvolver para facilitarlle aos cidadáns as xestións administrativas que teñen que realizar”. Pola súa banda, o director territorial de ABANCA en Ourense, Rubén Saavedra, sinalou que “grazas a esta App, os cidadáns poderán pagar os impostos locais que xestione a Deputación de xeito rápido e sinxelo, con total comodidade, sen desprazamentos e a calquera hora do día”. “Con este proxecto –engadiu o directivo de ABANCA- damos un paso máis na nosa estratexia dixital, para ofrecer un servizo omnicanle, innovador e con altos niveis de calidade”. Eduardo Aldao, director de Innovación de ABANCA, incidiu en que “a innovación é un valor primordial para ABANCA e traballamos para ofrecer aos nosos clientes as mellores solucións tecnolóxicas que hai no mercado”.
Pago de recibos en dous sinxelos pasos
A aplicación permite realizar o pagamento do recibo en dous cómodos pasos. Primeiro elíxese cómo se introducen os datos do recibo (facendo unha foto coa cámara do móbil ou tableta ao código de barras, introducindo os números do código de barras ou escribindo os datos do recibo) e, a continuación, hai que teclear os datos da tarxeta para efectuar o pagamento. Para axilizar a introducción de datos, tanto da tarxeta como do recibo, a ferramenta permite engadilos facéndolles unha foto coa cámara do dispositivo.
A aplicación conta, ademais, cun asistente que axuda ao usuario a formalizar o pagamento de recibos guiándoo en todo o proceso. O abono de recibos a través desta aplicación informática é gratuíto, sen ningún tipo de comisión.