ABANCA e a Deputación de Ourense renovan o Plan Activamos, que suma máis de 77 millóns en financiamento na provincia
- O programa de crédito da entidade financeira e a administración provincial pecha os seus primeiros tres exercicios con máis de 2.600 formalizacións entre familias, autónomos e pemes ourensás
- A iniciativa de crédito concedeu máis de 500 millóns en toda Galicia desde o seu lanzamento en 2014 e consolídase como unha ferramenta de desenvolvemento económico e social
ABANCASerás redirixido a outro sitio web e a Deputación de OurenseSerás redirixido a outro sitio web dan un novo impulso ao seu programa conxunto de financiamento, o Plan Activamos-Transforma Ourense. A iniciativa creada polas dúas entidades en 2014 pecha a súa terceira edición consolidada como unha peza relevante na inxección de crédito a pemes, autónomos, familias e corporacións locais da provincia.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o director de Banca Institucional de ABANCA, Santiago Novoa; e o director territorial do banco en Ourense, Rubén Saavedra, expuxeron ante una vintena de destacados empresarios da provincia e representantes de diversos concellos as principais liñas do plan e as novidades que incorpora este ano. A continuación, Manuel Baltar e Santiago Novoa rubricaron o novo convenio de colaboración que gaña en capacidade de impulso do desenvolvemento económico e social de Ourense e reforza a colaboración entre as dúas entidades.
Apoio ao tecido empresarial
O Plan Activamos-Transforma Ourense mantén o impulso na achega de crédito ás iniciativas que se xeran na provincia. O programa formalizou desde a súa creación un total de 2.627 operacións cun importe global de 77,7 millóns de euros. Máis de nove de cada dez euros concedidos por este programa destináronse a pemes e autónomos, que supuxeron 2.503 formalizacións por un importe global de 72 millóns. Desta cantidade, o plan concedeu 35 millóns a atender as necesidades de circulante das pemes e autónomos, 29 millóns a acometer novos investimentos, 6,3 millóns ao emprendemento, 0,9 millóns á creación de emprego e 0,4 millóns á mellora enerxética.
As corporacións locais tamén se beneficiaron do Plan Activamos-Transforma Ourense e formalizáronse no período un total de 33 operacións por un importe total de 4,7 millóns de euros. Este financiamento revirte directamente nos veciños destes municipios grazas á posta en marcha de proxectos dirixidos a mellorar os servizos. As liñas de financiamento para familias do Plan Activamos-Transforma Ourense permitiron a inxección de preto de un millón euros en crédito na provincia. As familias ourensás aproveitáronse das boas condicións deste programa de créditos, principalmente, para financiar pequenas obras de mellora enerxética no fogar e actividades de formación. O importe medio destes préstamos foi de case 11.000 euros.
“ABANCA avanza no seu compromiso con Ourense a través dun programa de crédito que se dirixe ao tecido produtivo da provincia e que nos permite apoiar iniciativas que garanten o noso futuro”, explicou Rubén Saavedra. “Podemos dicir que o Plan Activamos-Transforma Ourense é sinónimo de emprendemento, de crecemento, de investimento, de mellora tecnolóxica, de creación de emprego, de aforro ou de compromiso con medio ambiente”, concluíu o director territorial de ABANCA en Ourense.
Medrando ao carón de empresas e familias
Más alá das cifras, o Plan Activamos-Transforma Ourense crece para dar unha mellor resposta ás necesidades dos clientes. Como principais novidades destaca o incremento dos límites das liñas para pemes e autónomos, que se duplica ata os 200.000 euros, e a creación dunha nova modalidade para familias que queiran rehabilitar vivendas no rural.
Esta nova edición mantén unha ampla oferta de produtos adaptados ás necesidades dos distintos colectivos, así como tarifas competitivas ou condicións máis flexibles e vantaxosas. Un ano máis, aposta por eliminar as comisións máis habituais, introducir amplos prazos de amortización e ofrecer carencias naquelas modalidades nas que o cliente necesita un prazo para situarse en condicións de xerar ingresos.
O presidente do goberno provincial expresou trala sinatura do acordo que este “é un acto de compromiso e de renovación dunha alianza estratéxica entre a Deputación de Ourense e ABANCA, por medio do Plan Activamos-Transforma Ourense, que xa figuraba no Plan de mandado “Ourense 92”, que se inclúe no actual, “Ourense 15-19” e que estará contemplado tamén no seguinte, que será o Plan “Ourense 7273”. Baltar destacou que ABANCA ten parte do seu berce en Ourense e está presente nas maioría das actividades que se organizan nos concellos da provincia, de aí a importancia da súa capilaridade e da súa rede de oficinas”.
“Así se fai Ourense –remarcou Baltar-, con esa colaboración público-privada e con estas liñas de axudas pensando nos autónomos, nos empresarios, nos cidadáns en xeral e nas corporacións locais, motores institucionais da nosa provincia”.
O presidente provincial cualificou esta cooperación con ABANCA como “unha aposta, clara evidente e con resultados”. “Ver agora –dixo- esas cifras de máis de 77 millóns de euros en financiamento para a provincia de Ourense e esas máis de 2.600 operacións formalizadas para impulsar a competitividade, fan que as miñas palabras sexan de parabéns para ABANCA pola xestión deste plan, que nós difundimos e incentivamos”. “É o momento –concluíu- de seguir apostando por esta estratexia de colaboración e pola provincia de Ourense”.
Pola súa parte, Santiago Novoa resaltou o alcance que este programa de apoio financeiro ten no tecido económico e social da provincia, e agradeceu a colaboración que está prestando a Deputación de Ourense. O directivo de ABANCA sinalou que “o Plan Activamos-Transforma Ourense consolídase como garantía da inclusión financeira e como principal impulsor do crédito ás empresas e autónomos da provincia de Ourense”. “Estou convencido de que nestes tres anos apoiamos empresas que en pouco tempo vanse converter en referentes económicos de Ourense”, engadiu Novoa.
O Plan Activamos inxectou máis de 500 millóns no tecido produtivo de toda Galicia desde a súa posta en marcha en 2014. Trátese dunha iniciativa que financia a pemes e autónomos na posta en marcha de proxectos emprendedores, desenvolvemento de novos investimentos, creación de emprego, actuacións de mellora enerxética nos seus negocios e tamén cubre necesidades de circulante. Para as familias, ABANCA oferta a través deste programa de financiamento préstamos para a dotación de equipamento tecnolóxico, realización de actividades de formación, reformas no fogar que contribúan á mellora da accesibilidade ou a eficiencia enerxética, adquisición de vehículos eficientes e a rehabilitación de vivendas no rural. Finalmente, as corporacións locais poden optar no marco deste programa a préstamos para acometer pequenos investimentos municipais e necesidades de tesourería, sen esquecer que teñen á súa disposición avais e liñas de confirming con tarifas especiais.