ABANCA e a Federación Galega de Comercio amplían o seu acordo para dinamizar o comercio local
- Ambas as entidades estenden a súa histórica colaboración para ofrecer solucións financeiras e dixitais que potencien o desenvolvemento dos negocios galegos
- O novo acordo recolle tamén o plan "ABANCA Emprendedores e Profesionais", un instrumento que o banco promove en colaboración coa FGC e que está deseñado para complementar a xubilación dos autónomos
- A firma serviu ademais como plataforma para anunciar unha nova edición da campaña "Días Azuis do Comercio Galego", que se dará a coñecer nos próximos días, e que permitirá unha vez máis gañar premios por comprar no comercio de proximidade
ABANCA e a Federación Galega de Comercio (FGC) continúan avanzando na súa estratexia conxunta de respaldo aos negocios de proximidade. Este compromiso é o fío condutor do novo convenio rubricado esta mañá pola directora territorial de ABANCA en Lugo, Zaira Dapena, e o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, co obxectivo de seguir brindando apoio e facilidades financeiras aos establecementos locais.
Así, nun esforzo por impulsar o desenvolvemento dos comerciantes, o protocolo ofrece condicións especiais en servizos bancarios adaptados ás necesidades dos seus negocios. Entre os beneficios destacados atópanse préstamos para anticipar subvencións ou aprazar o pago de impostos, exentos de xuros. Ademais, ofrécense diversas opcións de financiamento, como pólizas de crédito, préstamos persoais e hipotecarios, leasing mobiliario, avais ou liñas de desconto comercial.
En consonancia co obxectivo de promover a competitividade dos asociados, ABANCA pon á disposición o servizo de financiamento no punto de venda coñecido como “Aplazos”, que permite un financiamento rápido, sinxelo e económico para as compras realizadas. Así mesmo, a entidade financeira ofrece unha ampla gama de dispositivos TPV, tanto físicos como virtuais, para facilitar as transaccións comerciais de forma segura e eficiente.
Solucións dixitais e apoio aos traballadores autónomos
Co propósito de impulsar a transformación dixital dos negocios, a oferta compleméntase con servizos avanzados de banca a distancia, como a ferramenta “Appúntame”, deseñada para a xestión de cobros fixos periódicos (cotas, domiciliacións, subscricións, etc.), así como axudas para a incursión no comercio en liña.
"Con este convenio queremos proporcionar as ferramentas e o apoio necesarios para que os comercios locais prosperen nun mercado cada vez máis competitivo. O noso obxectivo é que sintan o respaldo de ABANCA en cada paso do seu crecemento", afirmou a representante da entidade financeira tras o acto de firma. Estas palabras foron apoiadas polo presidente da FGC, quen destacou a importancia deste acordo para garantir a competitividade do sector segundo as necesidades actuais de crédito e servizos bancarios; lembrando tamén a colaboración histórica e constante entre a Federación e ABANCA en todas as actuacións que se promoven para o desenvolvemento e dinamización do comercio de proximidade de Galicia.
Doutra banda, o novo acordo recolle tamén o plan "ABANCA Emprendedores e Profesionais", un plan de pensións de emprego simplificado (PPES) que se dirixe aos traballadores por conta propia. Este instrumento, que o banco promove precisamente en colaboración coa FGC, está deseñado para complementar a xubilación dos autónomos, e ofrece unha solución sinxela e flexible para xerar un maior aforro e gozar de maiores beneficios fiscais que os plans de pensións individuais.
Novas campañas para promocionar o comercio galego
A firma representou tamén un paso adiante no compromiso de ABANCA de apoiar ao comercio galego mediante o financiamento de novas campañas promocionais. Ademais, serviu como plataforma para adiantar a próxima edición de "Días azuis do comercio galego". Esta iniciativa, que se dará a coñecer nos próximos días, terá unha mecánica similar á de anos anteriores e permitirá gañar grandes premios a clientes, fomentando así as compras no comercio local.