ABANCA e a Federación Galega de Comercio renovan a súa alianza para reforzar a competitividade do comercio local
- O banco e a organización renovan a súa histórica colaboración cunha oferta financeira con acceso ao crédito, a dixitalización dos comercios e a mellora dos servizos que faciliten o pagamento nos negocios
- O acordo recolle o plan ‘ABANCA Emprendedores e Profesionais’ un produto deseñado para persoas traballadoras autónomas que posibilita un maior aforro na xubilación
- A renovación do convenio referenda o apoio do banco á campaña ‘Días Azuis do Comercio Galego’, creada para incentivar as compras locais e premiar aos consumidores

A directora territorial de ABANCA en Lugo, Zaira Dapena, e o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, durante a firma.
Descarga en alta resolución Serás redirixido a outro sitio web e abrirase nunha nova ventá
ABANCA e a Federación Galega de Comercio (FGC) acaban de renovar, un ano máis, o xa histórico acordo de colaboración que manteñen e co que buscan dar impulso aos negocios de proximidade da comunidade galega e mellorar a súa competitividade co financiamento e incentivación das compras entre os consumidores.
O acordo foi firmado esta mañá en Lugo por parte da directora territorial de ABANCA en Lugo, Zaira Dapena, e o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas. Durante o encontro, os dous representantes aproveitaron para conversar sobre a situación actual do comercio local en Galicia e fixeron balance do seu progreso durante estes últimos anos de colaboración. Ademais, acordaron seguir mantendo un contacto fluido de cara a próximas campañas que desenvolverán en conxunto ao longo do ano.
Neste encontro, Zaira Dapena puxo en valor o peso e a relevancia do comercio local en Galicia e subliñou “o compromiso que o banco mantén cos negocios de proximidade, xa que fortalecen o desenvolvemento económico local e autonómico, así como a creación de emprego”. Pola súa parte, José María Seijas recordou a colaboración histórica entre ABANCA e a Federación Galega de Comercio e a sensibilidade e aposta da entidade financeira co sector comercial galego. Ademais, mostrou “a oportunidade e vantaxes que supón este convenio para os negocios, máis aínda no contexto de cambios continuos no mercado e a subida dos custos pola escalada inflacionista que estamos atravesando”.
Produtos e servizos financeiros e dixitalización
A oferta de ABANCA conta cunha serie de produtos e servizos financeiros deseñados a medida para o comercio local, con condicións especiais en servizos bancarios adaptados aos seus negocios, como préstamos para o anticipo de subvencións ou o aprazamento de pagos de impostos e distintas liñas de financiamento, como pólizas de crédito, préstamos persoais e hipotecarios, leasing mobiliario, avais ou liñas de desconto comercial.
Así mesmo, ABANCA ofrece unha ampla gama de dispositivos TPV, tanto físicos como virtuais, estes últimos adaptados ás necesidades actuais que demanda o comercio electrónico, e que facilitan as transaccións comerciais de maneira segura e efectiva. Nesta mesma liña e co propósito de reforzar a dixitalización dos negocios, a oferta compleméntase con servizos avanzados de banca a distancia, como a ferramenta “Appúntame”, creada para a xestión de cobros fixos periódicos (cotas, domiciliacións, suscripcións…) e axudas para a implementación do comercio online.
Outra das liñas destacadas do acordo é o plan ‘ABANCA Emprendedores e Profesionais’, o primeiro plan de emprego simplificado (PPES) dirixido a persoas traballadoras autónomas. Trátase dunha solución sinxela e flexible, creada para complementar a xubilación do colectivo, que permite xerar un maior aforro que os plans de pensións individuais.
Volven os ‘Días Azuis do Comercio Galego’
A renovación desta alianza serviu tamén para rubricar o financiamento e o compromiso de ABANCA coa campaña de promoción ‘Días Azuis do Comercio Galego’, unha iniciativa que se desenvolverá e dará a coñecer proximamente e que, como en anteriores edicións, busca dinamizar as ventas nos comercios locais a través do sorteo e reparto de grandes premios aos clientes que compren en establecementos de proximidade de toda Galicia.