ABANCA e a Federación Galega de Comercio selan a súa alianza para reforzar o comercio local
- O banco e a federación fortalecen vínculos para promover a competitividade do comercio de proximidade ante a proliferación das grandes superficies e os negocios online
- O novo convenio mellora a oferta financeira para os integrantes da FGC, que poden acceder a un catálogo de produtos de crédito adaptado aos seus negocios
- As dúas entidades seguirán colaborando na campaña ‘Días Azuis do comercio galego’, que incentiva as compras e premia a confianza dos consumidores
ABANCA e a Federación Galega de Comercio (FGC) reforzan a súa colaboración grazas a un novo convenio que facilita o acceso ao crédito a pequenos e medianos comercios co fin de impulsar a competitividade destes establecementos.
O director de Rede Comercial de ABANCA, Gabriel González Eiroa, e o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas López, asinaron, na sede a federación, un acordo que dá resposta ás principais necesidades de crédito dos comercios galegos.
O novo convenio mellora a oferta financeira para os integrantes da FGC, que xa poden acceder a un catálogo de produtos de crédito adaptado aos seus negocios e a xestores formados nas súas necesidades. Concretamente, o protocolo contempla a contratación produtos como préstamos persoais e hipotecarios para acometer novos investimentos ou para anticipar o cobro de subvencións ou o pago de impostos, así como leasing mobiliario con intereses atractivos e un prazo de amortización de ata cinco anos.
A oferta de ABANCA tamén se completa con outros produtos de financiamento para o día a día, como o desconto comercial ou as pólizas de crédito. Os comercios adheridos á FGC poderán igualmente acceder a outras opcións de financiamento a través de avais.
Doutra banda, o acordo pon a disposición deste colectivo a comercialización de produtos e servizos específicos da entidade, entre os que destaca APRAZOS, o servizo de compras de ABANCA, co que os comercios poden ofrecer aos seus clientes a posibilidade de financiar as súas compras de forma rápida e económica. Ademais, os comercios pertencentes á federación beneficiaranse de tarifas personalizadas no alta e o mantemento de dispositivos TPV da entidade.
Así mesmo, os comercios poderán contratar a ‘Alavuelta’, o novo servizo dixital de big data, venda online e márketing para comercios. Esta ferramenta de ABANCA permitirá aos comercios coñecer as claves do seu negocio, atraer a novos clientes, fidelizar aos que xa teñen e dispoñer dunha completa plataforma de comercio electrónico.
O texto rubricado por ambas entidades esténdese de igual forma a outros programas de financiamento oficial, grazas aos acordos que mantén ABANCA con diversos organismos públicos. Neste sentido, os comerciantes poderán acceder ao Plan Activamos, o programa de impulso financeiro lanzado por ABANCA e as catro deputacións galegas, e que inclúe unha liña de crédito para fomentar o emprendemento, a creación de emprego, o investimento empresarial ou a formación, entre outras.
'Días azuis do comercio galego’
A firma tamén serviu para avanzar no lanzamento dunha nova edición da campaña ‘Días azuis do comercio galego’, que busca dinamizar o comercio galego de proximidade, incentivando as compras e premiando a confianza dos consumidores. A nova edición terá lugar no mes de maio, aínda que tamén está prevista unha segunda fase da campaña a finais de ano.