ABANCA e a Federación Galega de Comercio traballan para potenciar o comercio de proximidade
- As dúas entidades elaboran un catálogo específico para potenciar o acceso ao crédito do pequeno e mediano comercio
- O banco e a federación renovan a súa histórica colaboración para seguir facendo fronte á crise xerada pola Covid-19
- Ambas entidades pechan hoxe precisamente unha nova edición da campaña ‘Días Azuis do comercio galego’, creada para incentivar as compras e premiar aos consumidores
ABANCA e a Federación Galega de Comercio veñen de renovar o seu xa histórico convenio de colaboración en apoio aos negocios de proximidade. Este traballo conxunto adquire especial relevancia nos últimos tempos debido á situación que está a vivir o sector causada pola crise da Covid-19 e pola competencia fronte ás grandes superficies comerciais.
A renovación do convenio tivo lugar esta mañá en Lugo por parte do director territorial de ABANCA en Lugo, Javier Soto, e do presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas.
Tras a sinatura, os comerciantes adheridos continuarán tendo acceso ás vantaxes que se recollen no novo documento, que inclúe un plan de financiamento que o banco e a federación crearon de forma específica para dar resposta ás necesidades dos comerciantes, que se viron incrementadas polas consecuencias da crise da Covid-19. No texto detállanse produtos e servizos para levar a cabo investimentos e para reforzar a competitividade dos proxectos que realicen os asociados. Deste xeito, os comerciantes terán acceso a produtos deseñados especificamente, como préstamos persoais e hipotecarios, leasing mobiliario, con amplos prazos de amortización, posibilidade de carencias e xuros moi competitivos.
Co obxectivo de adaptarse ás necesidades máis inmediatas da actividade diaria, no texto inclúense outros produtos e servizos como pólizas de crédito, liñas de desconto comercial, avais, confirming ou factoring. Ademais, ABANCA activa as liñas de financiamento oficiais do ICO e as SGR galegas para reforzar o apoio ás necesidades dos comercios e proporcionar solucións ante a crise.
Continúan os ‘Días Azuis do Comercio Galego’
Este convenio supón un paso máis no apoio do banco ao comercio local e de proximidade de Galicia, que reivindican ambas as dúas entidades. A isto, resulta imprescindible sumar unha nova edición da campaña conxunta ‘Días Azuis do Comercio Galego’, que remata xusto hoxe e que estivo activa desde o pasado 7 de xuño. Nesta nova entrega da campaña, sortearanse 12.000 euros en premios repartidos en 64 tarxetas agasallo para utilizar en comercios de proximidade. Durante o encontro entre ambas entidades, tamén se avanzou na planificación da próxima edición, que terá lugar no mes de novembro.