ABANCA e a Fundación Clúster de Conservación de Produtos do Mar renovan a súa colaboración
- A entidade financeira e a Fundación de ANFACO-CECOPESCA firman por oitavo ano consecutivo un acordo de colaboración
ABANCA e a Fundación Clúster de Conservación de Produtos do Mar subscribiron esta mañá un acordo de colaboración co obxectivo de impulsar, a través de distintas actividades, o emprendemento no tecido empresarial relacionado cos produtos do mar. No acto de firma, celebrado na sede da Fundación, participaron o director de Negocio Institucional de Galicia, Asturias e León de ABANCA, José Lino Comesaña Calvo, e o representante legal da Fundación Clúster de Conservación de Produtos do Mar, Juan Manuel Vieites Baptista de Sousa.
O obxectivo deste acordo consiste en apoiar á fundación no fomento e difusión do espírito empresarial e a cultura emprendedora, a través de accións divulgativas dirixidas a centros escolares, asociacións culturais e sociais e á cidadanía en xeral. Mediante estas actuacións a fundación actuará como vehículo de transferencia de coñecemento entre a labor dos centros tecnolóxicos e a sociedade, fomentando actitudes de emprendemento baseadas no impulso á innovación, co obxectivo de vincular o desenvolvemento económico co social e a xeración de emprego.
ABANCA intensifica o seu apoio o sector primario
A entidade financeira redobrou neste exercicio o seu compromiso co sector do mar en Galicia. Unha aposta firme que xa escenificou ABANCA colaborando con Anfaco na VII Conferencia Mundial do Atún que se celebrou en Vigo o pasado mes de setembro.
O banco con sede en Galicia firmou nestes últimos meses un importante número de convenios con axentes relevantes do sector, entre os que destacan os principais armadores, confrarías, produtores ou vendedores da comunidade. Ademais, a entidade presentou ABANCA Agro e Mar, a súa división especializada que dá resposta aos profesionais que desenvolven a súa actividade nestes contornos. Unha proposta con produtos específicos que está presente en cerca de 250 oficinas cuns 600 xestores asignados.
Sobre a Fundación Clúster de Conservación de Produtos do Mar
A Fundación Clúster de Produtos do Mar é unha entidade sen ánimo de lucro constituída por ANFACO-CECOPESCA, co fin de contribuír á promoción cultural e social do sector conserveiro. Entre o seus cometidos destacan o fomento das relacións entre empresas, universidades e centros tecnolóxicos co obxectivo de facilitar a súa interrelación e favorecer a transferencia de resultados de investigación ao tecido empresarial. Encárgase tamén da xestión do Museo ANFACO da Industria Conserveira e de todas aquelas actividades que promovan e impulsen o patrimonio cultural, industrial, artístico e bibliográfico da industria transformadora de produtos do mar.