ABANCA e a Fundación Semana Verde renovan a súa colaboración por catro anos máis
- O banco consolida o seu compromiso co sector primario galego e aportará un total de 600.000 euros á fundación durante a vixencia do convenio
- A entidade financeira seguirá apoiando o recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA e as principais citas do sector agrario que acolle, entre elas ABANCA Semana Verde
O presidente de honra de ABANCA, Javier Etcheverría de la Muela, e o vicepresidente da Xunta de Galicia e presidente da Fundación Semana Verde, Alfonso Rueda, renovaron hoxe na Feira Internacional de Galicia ABANCA en Silleda (Pontevedra) o convenio de colaboración que une a ambas as dúas entidades. O acto contou tamén coa participación do director de ABANCA Agro, Jesús Combarro, e do director xeral da Fundación Semana Verde, Ricardo Durán; e coa asistencia de numerosos representantes do sector.
Esta renovación é un novo paso na senda de traballo conxunto iniciado polas dúas entidades en 2015. Co novo protocolo, ABANCA e a Fundación Semana Verde prorrogan ata 2022 o seu impulso ao recinto feiral e aos eventos que acolle. O banco aportará 150.000 euros máis IVE por cada un dos catro anos que contempla o contrato e consolida así o seu compromiso co sector primario galego.
O texto rubricado permite á entidade financeira seguir contando cun papel protagonista en eventos tan relevantes para o mundo agro como ABANCA Semana Verde, Fecap ABANCA, Salimat ABANCA, Galiforest ABANCA e ABANCA Cimag-GandAgro. O banco tamén manterá unha presenza relevante noutras feiras que se organizan no recinto de Silleda como Turexpo Galicia, Equina ou Festur; ou en eventos lúdicos xa consolidados como Xuventude Galicia Net, Silleda Park ou Spring Festival, entre outros. De igual xeito, o convenio tamén contempla un apoio e unha ampla posición de marca nos espazos Feira Internacional de Galicia ABANCA e Central Agropecuaria de Galicia ABANCA. En definitiva, un apoio integral ao sector e a un segmento clave para a economía produtiva de Galicia.
A presentación desta nova firma chega xusto uns días antes do inicio da feira ABANCA Semana Verde, o gran encontro do sector primario. A 41º edición deste certame terá lugar entre o 7 e o 10 de xuño e incluirá decenas de actividades para dar a coñecer as principais novidades entre particulares e profesionais.
Foi precisamente este o marco escollido hai tres anos pola súa transcendencia para lanzar a unidade especializada do banco para o sector agrario e gandeiro, ABANCA Agro. Desde entón, esta división permitiu a ABANCA un crecemento baseado nun maior coñecemento das necesidades dos clientes, un catálogo de produtos adaptado e unha atención máis especializada.