ABANCA e a Xunta prolongan a súa colaboración no patrocinio da Fundación Semana Verde de Galicia ata 2025
- O conselleiro delegado de ABANCA, Francisco Botas, e o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asinaron esta mañá o acordo
- O banco apoia ao sector agrogandeiro e avanzano seu compromiso cos retos e desafíos do mundo rural
ABANCA e a Xunta prolongan a súa colaboración no patrocinio da Fundación Semana Verde de Galicia ata 2025. Así se establece no acordo asinado hoxe polo conselleiro delegado de ABANCA, Francisco Botas, e o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, en calidade de presidente da Fundación. O acto contou coa presenza do director da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán.
Segundo o acordo, a entidade colaboradora apoiará a actividade da fundación ao longo dos tres anos e manterase como patrocinador oficial da Semana Verde e demais eventos relacionados co sector agrario que se celebren no recinto feiral de Silleda, como Salimat ABANCA, Fecap ABANCA, Galiforest ABANCA o Enerxétika. ABANCA seguirá sendo tamén patrocinador relevante no resto de actos integrados no calendario do parque de exposicións.
Pola súa banda, a Fundación Semana Verde de Galicia, ademais de garantir a visibilidade deste patrocinio e a notoriedade de ABANCA nos seus eventos, asumirá a xestión e produción dos expositores da entidade bancaria na feira Expobiomasa, en Valladolid, e na Feira Internacional da Maquinaria Agrícola, en Zaragoza.
A sinatura de hoxe supón a segunda renovación dun acordo formalizado en 2015 no marco da aposta da Xunta pola actividade feiral da Fundación Semana Verde de Galicia da man de grandes firmas como ABANCA. A frutífera colaboración destes oito anos deu como resultado esta nova prórroga, coa que se quere seguir afianzando o carácter estratéxico do recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA na organización de grandes eventos profesionais e, en especial, dos relacionados co sector agrario e gandeiro.
Coa renovación desta colaboración estratéxica, ABANCA dá un novo impulso a un convenio que en 2015 se converteu nun dos primeiros grandes patrocinios tras o lanzamento do banco. A entidade financeira ratifica o seu compromiso co sector agrogandeiro galego, ao que se lle ofrece unha resposta á medida a través dos xestores e produtos especializados da súa unidade ABANCA Agro. Ante os desafíos que afronta o sector rural en Galicia, ABANCA ofrece solucións adaptadas tamén grazas á elevada capilaridade da súa rede comercial. ABANCA é a única entidade financeira que mantén os servizos en 175 municipios galegos.