ABANCA e ABSA activan novas fórmulas para avanzar no seu compromiso coa mellora do sector
- O banco e os armadores de Burela estreitan a súa colaboración nun dos eventos máis relevantes do sector, a feira Expomar que se celebra estes días en Burela
- A entidade financeira pon en valor a experiencia e as solucións a medida da súa unidade especializada ABANCA Mar para ofrecer a ABSA respostas personalizadas

O director de zona de ABANCA na Mariña-Terra Chá, José Ángel Méndez (segundo pola esquerda), e o presidente de ABSA, Abelardo Basanta (no centro), durante a sinatura do convenio.
Descarga en alta resolución Serás redirixido a outro sitio web e abrirase nunha nova ventá
ABANCA e Armadores de Burela, S.A. (ABSA) fan balance da súa colaboración e marcan novos obxectivos coa renovación do seu convenio financeiro. As dúas entidades asinaron o novo texto durante a celebración da vixésima edición de Expomar, a feira especializada no sector que se celebra estes días en Burela, e na que as dúas unidades teñen unha importante presenza cun estand onde atenden a provedores e clientes.
Na sinatura participaron o director de zona de ABANCA na Mariña-Terra Chá, José Ángel Méndez, e o presidente de ABSA, Abelardo Basanta. No acto tamén estiveron presentes o director de ABANCA Mar, Javier Fraga, así como outros representantes desta unidade especializada e do banco. Tras a sinatura, ambas as entidades mantiveron unha reunión de traballo na que se abordaron os desafíos do sector, os retos que plantea o escenario económico e as propostas de futuro dos armadores.
Gran parte do foco do novo texto recae no proceso de renovación da frota, un reto estratéxico que continúa este ano tamén. Para iso, o banco ofrece solucións financeiras que permiten a construción de novas embarcacións ou a renovación das actuais a través dun produto especializado como é a hipoteca naval. As dúas entidades avanzan así na mellora da sostibilidade do sector.
O resultado directo deste diálogo é un catálogo de produtos e servizos que inclúe unha ampla gama de solucións adaptadas ao mundo do mar. Entre outras moitas alternativas, os armadores poderán acceder ao anticipo dos fondos FEMPA, con produtos axustados e competitivos aliñados, nesta ocasión tamén, cos investimentos sostibles que realice o sector.
A entidade financeira ten unha proposta única para dar resposta aos retos do sector, a través da súa unidade especializada ABANCA Mar. Con catálogo propio e xestores especializados, atende as diferentes necesidades dos profesionais e empresas de toda a cadea do mar.