ABANCA e AECA crean unha cátedra de economía, finanzas e administración de empresas
ABANCA e a Asociación Española de Contabilidade e Administración de Empresas (AECA) crearon a ‘Cátedra AECA-ABANCA sobre Economía, Finanzas e Administración de Empresas’. O propósito desta iniciativa é potenciar o desenvolvemento científico das devanditas materias e fomentar os contactos e intercambios de coñecemento entre expertos do ámbito académico e profesional-empresarial tanto a nivel nacional como internacional. A firma da colaboración realizouse esta mañá entre o director xeral de Responsabilidade Social Corporativa e Comunicación de ABANCA, Miguel Angel Escotet, e o presidente de AECA, Leandro Cañibano.
A cátedra AECA-ABANCA desenvolverá a súa actividade fundamentalmente en Galicia, aínda que tamén estará presente noutras comunidades autónomas. A iniciativa nace con vocación de contribuír ao desenvolvemento económico, e para iso fixouse como obxectivo pór as súas conclusións a disposición das empresas galegas e a sociedade en xeral. “Esta cátedra encaixa á perfección coa nosa estratexia de empresa comprometida co entorno no que operamos e co convencemento da necesidade de estreitar os lazos entre a educación superior de calidade e a empresa”, sinalou Miguel Angel Escotet.
Para iso a cátedra desenvolverá accións divulgativas e editoriais, organizará seminarios profesionais e xornadas de formación sobre a aplicación práctica dos traballos, e organizará másteres e posgraos sobre temas afíns á súa actividade. Segundo o presidente de AECA, “complementará a investigación e formación académica universitaria a través dunha formación práctica que fomente os valores de empresa”.
A cátedra estará encabezada por Manuel Rodríguez López, xerente do Servizo de Operacións de Cobros e Pagos de ABANCA, xunto a un equipo de investigación integrado por membros da Comisión de Valoración e Financiamento de Empresas de AECA.
Acerca de AECA
A Asociación Española de Contabilidade e Administración de Empresas (AECA) é unha entidade non lucrativa, de carácter privado, e declarada de utilidade pública en 1982 dedicada ao desenvolvemento científico das Ciencias Empresariais e a mellora das técnicas de xestión empresarial. AECA é a única institución profesional española emisora de Principios e Normas de Contabilidade xeralmente aceptados e de pronunciamentos e estudos sobre boas prácticas en xestión empresarial.