ABANCA e AEDAL impulsan o crédito ás empresas do polígono El Sebadal
- A entidade financeira e a asociación de empresarios do polo industrial e tecnolóxico palmense traballan conxuntamente na elaboración de produtos adaptados ás súas necesidades
- O banco con sede en Galicia presta servizo a particulares e empresas en Canarias con catro oficinas nas dúas illas con maior poboación
ABANCA e a Asociación de Empresarios de “El Sebadal” (AEDAL) asinaron hoxe un novo convenio para dar un impulso ao crédito no polo industrial e tecnolóxico palmense. Con este texto, a entidade financeira e a agrupación industrial contribúen a ampliar a oferta de crédito á que optan as corporacións do polígono palmense.
O presidente da Asociación de Empresarios de “El Sebadal” (AEDAL), José Agustín Medina Sánchez, e o director territorial de ABANCA en España, Pedro Miguel Canales Escudero, rubricaron hoxe un acordo que evidencia o apoio ás empresas que mantén a entidade financeira.
O texto facilita opcións de crédito para a renovación ou a posta en marcha de novos proxectos no parque empresarial. Cunha oferta competitiva de produtos deseñados para este fin, as empresas e pemes asentadas en “El Sebadal” optarán a préstamos para anticipar subvencións ou aprazaren o pago de impostos, sen xuros ou comisións. Tamén terán á súa disposición pólizas de crédito, préstamos persoais e hipotecarios, leasing mobiliario, avais ou liñas de desconto. Os profesionais pertencentes a AEDAL poderán acceder ás vantaxes que ofrece o novo Programa Cero Comisións, especialmente adaptado a empresas e pemes. Grazas a este sistema de bonificacións, poderán deixar de pagar polo mantemento das contas e tarxetas, pero tamén polas transferencias, ingresos de cheques ou outros servizos habituais. As empresas de “El Sebadal” tamén contarán coa posibilidade de instalar dispositivos TPV de ABANCA para realizar cobramentos con tarxeta, cunhas condicións especiais.
O polígono de “El Sebadal” conta con máis de 450 empresas que dan traballo a preto de 6.000 persoas. AEDAL promove o desenvolvemento económico e social do parque industrial e ofrece unha completa carta de servizos aos seus asociados. Con catro oficinas en Canarias, dúas na illa de Gran Canaria e dúas na de Tenerife, ABANCA ofrece un servizo integral con produtos especialmente adaptados a empresas e particulares.